O BNG exixe retirar o incremento do canon de Sogama aos concellos
O BNG exixe retirar o incremento do canon de Sogama aos concellos e unha fonda revisión do Plan de Xestión de Residuos
Quere que non se constrúa unha nova incineradora e que se desenvolvan proxectos comarcais de reciclaxe e compostaxe
O BNG presenta UN ESCRITO no Concello de Cee, para que os grupos do pleno poidan convertilo en unha moción para 'exixir a retirada do incremento do canon de Sogama que o goberno do PP na Xunta quere aplicar en 2014 e que suporía un incremento de preto do 34% aos concellos, pasando de 56 a 75 euros por tonelada tratada de lixo, sen contar o IVE. O goberno do PP na Xunta quere cargarlle á cidadanía novamente o recorte que o Goberno central do PP decidiu sobre as tarifas para percibir pola coxeración eléctrica. Desta maneira, ante a caída de ingresos que sufrirá Sogama pola xeración de enerxía, óptase por este incremento para cargarlle as perdas á cidadanía. Así fan posíbel que Sogama teña no 2014 uns beneficios de 7 millóns de euros'.
A responsábel local do BNG de Cee, Dionisia Mancha, remarcou que 'este feito vén a confirmar as denuncias do BNG sobre o fracaso do proxecto Sogama e o Plano de Residuos implantado polo PP na Xunta de Galiza, que defende a incineración, sen ter en conta a redución, a reutilización directa e a reciclaxe de residuos, a compostaxe, e a proximidade no tratamento, máis sustentábel ambientalmente e de menores custos. Ademais, no complexo de Sogama nin sequera unha porcentaxe significativa dos residuos se valorizan ou se reciclan, senón que simplemente se enterran'.
Engadiu que 'os sucesivos gobernos do PP na Xunta tiveron empeño en impedir a existencia de plans alternativos como o iniciado no Morrazo, que foi desmontado por gobernos municipais do PP ou o que se desenvolve na Mancomunidade da Barbanza, a pesar do PP, que puxo trabas, impedindo axudas nas condicións que tivo Sogama. A Barbanza e O Morrazo son modelos que priorizan a reciclaxe e compostaxe e mostran custos máis sensatos, para alén de crear máis emprego directo. De feito, a transformación de modelo de xestión dos RSU da Xunta de Galiza podería supoñer uns 2.000 novos postos de traballo con base en proxectos de comarcalización, cun menor custo ambiental e redución do custo de transporte'.
Finalmente, A responsábel local do Bng de Cee dixo que 'hai que revisar o Plan de RSU Galiza 2010-2020, eliminando a previsión de construír un nova incineradora e apoiando un modelo que supere Sogama, mediante proxectos comarcais de reciclaxe e compostaxe, que posibilite a creación de emprego e alcanzar os obxectivos e recollida selectiva e reciclaxe dos modelos en funcionamento máis avanzados'.
Cee, a 25 de Novembro de 2013
Dionisia Mancha Rey
ESCRITO DO BNG DE CEE PARA QUE OS GRUPOS DO PLENO DO CONCELLO CONVIRTAN EN MOCIÓN
CONTRA A SUBA DO CANON DE SOGAMA
A Lei 10/1997, de 22 de agosto, de residuos sólidos urbanos da Galiza, e o Plano de xestión dos residuos sólidos urbanos da Galiza atribúen a condición de xestor nas operacións do proceso de xestión de residuos á Sociedade Galega de Medio Ambiente S.A. (SOGAMA).
A xestión do tratamento de residuos encomendada a SOGAMA foi acompañada do estabelecemento dun canon por parte dos concellos, fixado en 55,91 euros por tonelada de lixo tratada e mais o IVE.
Agora, o goberno do PP introduce nos orzamentos da Xunta de Galiza a revisión do canon para acadar os 74,64 euros por tonelada tratada, sen IVE, o que vai supor un incremento de preto do 34% para os máis de 290 concellos adheridos. A razón esgrimida é allea á relación entre os concellos e SOGAMA, ao ser unha decisión política adoptada polo Goberno central do PP na súa política de reforma do sector eléctrico, que impón recortes nas tarifas para percibir pola coxeración eléctrica. Ante a caída de ingresos que sufrirá SOGAMA pola xeración de enerxía, óptase por cargarlle á cidadanía novamente este recorte en lugar de o facer sobre os beneficios das empresas xeradoras de enerxía.
Esta medida unilateral do PP, sen coñecemento nin participación dos concellos adheridos no proceso de toma de decisión, pretende un incremento desproporcionado e abusivo que se repite, como noutros ámbitos por parte do Goberno do PP, pola adopción de medidas dirixidas a salvar ás grandes empresas corporativas transnacionais, e neste caso pola decisión cuestionábel da reforma eléctrica que favorece o oligopolio das grandes empresas enerxéticas, e penaliza as fontes de xeración alternativas.
Ademais, non só se pretende con esta suba compensar as perdas presentes e previsíbeis que ten SOGAMA, senón pasar a ter uns beneficios de preto de 7 millóns de euros a conta da cidadanía galega que verá repercutido este canon nos recibos que cobran polo servizo de recollida de lixo aos concellos. Este feito é especialmente grave cando SOGAMA nin sequera trata todo o lixo que recibe e carece de sentido transportalo para rematar nun vertedoiro.
Esta proposta de incremento desmesurado dos custos de tratamento do lixo por parte de SOGAMA vén a confirmar as denuncias feitas con anterioridade polo BNG sobre o fracaso do proxecto SOGAMA e o Plano de Residuos Sólidos Urbanos implantado polo PP na Xunta de Galiza. Os feitos acontecidos desde a aplicación dese plano demostran seren falsas as afirmacións -do Goberno galego e de SOGAMA- de que se trataba da opción máis respectuosa desde o punto de vista ambiental e con máis vantaxes económicas. Desde o punto de vista ambiental, SOGAMA insiste na incineración dos residuos sólidos urbanos co fin da súa valorización enerxética, sen ter en conta outros principios reitores no tratamento do lixo de maior importancia ecolóxica, como a redución, a reutilización directa e a reciclaxe de residuos, a compostaxe, e a proximidade no tratamento, cuxa consideración prioritaria no deseño dun modelo de xestión do lixo, ademais de supor un modelo de xestión máis sustentábel ambientalmente, traduciríase nunha contención de custos.
Ademais, os problemas detectados de acumulación de residuos e vertidos no complexo de SOGAMA demostran que nin sequera unha porcentaxe significativa dos residuos se valorizan ou se reciclan, senón que simplemente se enterran.
Por outra banda, desde a aprobación da Lei 10/1997, os sucesivos Gobernos do PP na Xunta tiveron empeño en impedir a existencia de plans alternativos como o iniciado no Morrazo, que foi desmontado por gobernos municipais do PP ou como o que se está a desenvolver pola Mancomunidade da Barbanza, que se executa a pesar do PP, que puxo trabas, sobre todo no que atinxe a acceder a axudas nas condicións cando menos análogas ás que tivo SOGAMA. En todo caso, son modelos que priorizan a reciclaxe e compostaxe e mostran custos máis sensatos, para alén de crear máis emprego directo. De feito, a transformación de modelo de xestión dos RSU podería supoñer uns 2.000 novos postos de traballo con base en proxectos de comarcalización, cun menor custo ambiental e redución do custo de transporte.
Cómpre lembrar a falta de colaboración dos gobernos do PP na Xunta de Galiza, pola decisión política de asignar, case na súa totalidade, os recursos públicos para o tratamento de residuos sólidos a financiar SOGAMA e afogar os modelos de xestión diferentes que se aparten da valorización enerxética do lixo. Mesmo planos estatais recolleron os criterios de proximidade no tratamento e que a fracción orgánica do lixo se tratase prioritariamente por procedementos distintos á incineración.
A Xunta de Galiza, a través de SOGAMA ou doutras entidades que se crearen, preferentemente de tipo comarcal, debe ofrecer á cidadanía e aos concellos galegos modelos de xestión dos residuos alternativos á incineración e ao vertido. Só dentro dun modelo así poden facer unha política de prezos que favoreza os tratamentos ecolóxicos (recollida selectiva de calidade, reciclaxe, compostaxe) e penalice a recollida sen separar e o vertido e a incineración. Nun escenario deste tipo podemos reducir fortemente os custos de tratamento e evitar o incremento das taxas. Mentres tanto, aumentar os pagos a SOGAMA é financiar a ineficiencia ambiental e a destrución de recursos e empregos.
Por todo isto, solicitamos do Pleno da corporación municipal a adopción do seguinte
ACORDO
Instar á Xunta de Galiza a
1. Retirar dos orzamentos do próximo ano o incremento previsto do canon de SOGAMA que deben satisfacer os concellos.
2. Que calquera modificación que se pretenda pase obrigatoriamente por un consenso coa FEGAMP e cos concellos implicados, coa participación de SOGAMA e da Consellaría con atribucións en medio ambiente.
3. Revisar en profundidade o Plan de Xestión de Residuos Urbanos de Galiza 2010-2020, eliminando a previsión de construír un nova incineradora de residuos urbanos e apoiando un modelo que supere Sogama, mediante proxectos comarcais de reciclaxe e compostaxe, que posibilite a creación de emprego e alcanzar os obxectivos e recollida selectiva e reciclaxe dos modelos en funcionamento máis avanzados.