PROGRAMA ELECTORAL 2023
MODELO DE CIDADE. VIVENDA. TURISMO
O BNG de Cee presenta o seu proxecto de futuro para o concello de Cee
12 maio 2023 - 18:52
MODELO DE CIDADE. VIVENDA
- Impulsaremos, con vantaxes fiscais, a Rehabilitación do Casco Vello.
- Instaremos á Xunta á compra de vivendas para a xente nova en réxime de aluguer no Casco Histórico.
- Elaboraremos un Plan de regularización do tráfico urbano de Cee.
- Impulsaremos, en colaboración cos demais concellos, a creación dun servizo de transporte comarcal, que pase polas parroquias, e que serva de enlace co hospital.
- Poremos en marcha un plan de eliminación de barreiras arquitectónicas.
- Entablaremos conversacións coas persoas propietarias das parcelas próximas ao Tanatorio A Xunqueira e detrás de Abanca para acadar unha cesión temporal, con ventaxas fiscais, e que nos permita usar os terreos como aparcadoiros municipais, previo o seu correcto asfaltado.
- Instarase a consellaría de vivenda a adquisición das vivendas da “Sicar” para ser restauradas e ofertadas en alugueiros sociais, para persoas de rendas baixas ou en risco de exclusión.
- Recollerase a auga da choiva da cuberta da estación de autobuses, pois é imposible abrigarse un día de choiva sen empaparse.
TURISMO
- Crearemos un punto fixo, e durante todo o ano, de ámbito turístico, cultural e de axuda ao peregrino.
- Poremos en marcha un servizo de aluguer de bicicletas municipais con roteiros deseñados para veciños e turistas.
- Fomentaremos e promoveremos as visitas guiadas dos Xardíns de Fernando Blanco.
- Instaremos á consellería a que obrigue ao dono do Castelo de Ameixenda a cumprir a lei, abrindo os días que lle corresponda.
- Crearemos unha páxina web actualizada, interactiva, moderna e dinámica, na que terá unha relevancia importante o apartado turístico informando dos lugares de especial interese e das ofertas do sector publico e privado.
- Colaboraremos coa hostalaría e a restauración para explotar os recursos turísticos do concello.
- Deseñaremos, sinalizaremos e promocionaremos roteiros de sendeirismo no concello e en tódalas parroquias do rural.
- Dotaremos ás nosas praias e zonas de ocio dos servizos necesarios para que tanto os ceenses como os que nos visitan se sintan a gusto nelas, saneando as súas augas, mellorando a limpeza e a recollida dos residuos dos equipamentos públicos.
- Construiremos unha Bóveda acristalada no paseo marítimo, no entorno das casetas, para que serva de punto de encontro aos peregrinos, ademais de oficina de información turística e poder usala como centro de eventos e concertos. Fará de Cee un Concello referente en apoio ao Camiño de Santiago atraendo ás xentes a visitala tanto de día coma de noite.