O BNG DE CEE LEVARÁ AO PLENO DE ABRIL DÚAS MOCIÓNS , SOBRE A REFORMA DA ADMINISTRACIÓN LOCAL E EN DEMANDA DE POLÍTICAS ACTIVAS DE EMPREGO.
A reforma local aprobada recentemente polo Partido Popular, reforza o modelo centralista e provincialista, asentando as deputacións como apéndices executores das políticas deseñadas desde o Goberno central, xa que no canto de acometer a revisión a fondo do modelo destas institucións provinciais, atribúelles máis competencias, para consolidar unha organización administrativa homoxénea en todo o Estado español.
A reforma local tamén supón un paso máis á hora de homologar a acción política no eido local e supeditala ao goberno central de quenda, xa que anula a capacidade política dos concellos para implantaren políticas autónomas, ao restrinxirlles capacidade sobre moitos ámbitos de interese local, ao impor modelos de xestión privatizada de servizos locais a través das deputacións. Abócaos, en definitiva, a seren simples prolongacións executoras de políticas planificadas desde o Goberno central, no canto de seren axentes políticos con plena capacidade, e consonte a alternativa política e programática elixida pola veciñanza, nos asuntos de interese local.
A través da moción preténdese
Rexeitar a aprobación da Lei 27/2013, do 27 de decembro, de racionalización e sustentabilidade da administración local.
Demandar o inicio dun proceso de reforma constitucional sobre o modelo de organización provincial e local do Estado español, con base nos seguintes criterios:
a) As estruturas territoriais básicas do Estado español serán os municipios e as comunidades autónomas.
b) Acometer o proceso de extinción das deputacións provinciais de réxime común, para dar paso a un novo mapa institucional deseñado a partir da realidade territorial de Galiza, baseado na articulación a través de concellos e comarcas.
Por outra banda, unha das prioridades fundamentais da Administración é asegurar o dereito ao traballo de toda a cidadanía, e unha ferramenta chave nesta actuación son as Políticas Activas de Emprego. Nesta materia a Xunta de Galiza dispón da competencia de executar os fondos que o Estado español adxudica máis non a de distribuílos dentro dos tres paquetes que xa veñen dispostos de Madrid: Formación, Emprego e Contratación e Modernización. Esta é a desculpa posta pola Xunta de Galiza para aplicar unha rebaixa dos fondos adxudicados para os Plans de Cooperación para o Emprego e Contratación até deixalos na ridícula cantidade de 113.000 euros para toda Galiza fronte aos aproximadamente 8 millóns do ano pasado.
As características únicas do noso país fan precisas unhas políticas axeitadas e deseñadas para a nosa realidade territorial, social e económica, polo que sería necesario reclamar competencias que permitan desenvolver actuacións que realmente contribúan á solución do problema do desemprego no noso país.
Coa moción presentada pretendemos que o pleno
1. Solicite a Xunta de Galiza que reclame perante o goberno do
Estado español competencias exclusivas en materia de Fomento de Emprego e denuncie a intromisión inadmisíbel da Lei 27/2013 nas competencias de Galiza definidas polo seu Estatuto en materia de Administración Local.
2. Solicitar da Xunta de Galiza, a través da Consellaría de Traballo e Benestar, que deseñe e poña en marcha un Plan de Cooperación para o Fomento do Emprego en todos os concellos de Galiza, coa dotacións orzamentaria suficiente, sexa reclamando os fondos ao Estado sexa coa achega de fondos propios da Comunidade Autónoma.
3. Reclamar a iniciativa do Concello para pór en marcha un Plan de Fomento de emprego consensuado, horizontal, deseñado e dirixido ás capacidades e características do noso territorio.
4. Trasladar este acordo ao presidente da Xunta de Galiza, presidente do goberno do Estado español, grupos parlamentares do Parlamento galego e do Congreso dos Deputados.
Cee, a 16 de Abril de 2014
Serxio Domínguez Louro