O BNG DE CEE LEVA AO PLENO UNHA MOCIÓN PEDIDO A RETIRADA DO CAMPO DE GOLF DO PXOM

O BNG DE CEE LEVA AO PLENO UNHA MOCIÓN PEDIDO A RETIRADA DO CAMPO DE GOLF DO PXOM

O Bng de Cee pedirá no pleo do vindeiro luns, que se retire do Pxom o proxecto de construcción dun campo de golf.

Numerosas denuncias de asociacións de diferente índole, entre as que destacan as dos grupos ecoloxistas, poñen de manifesto que os campos de golf, como os feitos así o demostran, son a coartada que determinados grupos empresariais empregan para obter terreo rústico a baixo prezo e transformalo en residencial.

Queremos destacar que son dous os aspectos fundamentais á hora de entender a insustentabilidade dunha instalación destas características:

Consumo de auga destas instalacións:

Os campos de golf son uns auténticos depredadores dun recurso cada vez máis escaso. Un campo de golf de 18 buratos precisa aproximadamente de 60 hectáreas de terreo, e consume 1,5 millóns de litros de auga ao día, segundo fontes do Instituto Xeolóxico e Mineiro do estado español, a media de consumo de auga dun campo de golf semellante está entre 1.500 e 2.000 m3/día nos meses de máxima irrigación. Nun ano o consumo medio de auga dun campo de golf destas proporcións é de 10.000 m3/ha (metros cúbicos de auga por hectárea), é dicir, 18 hectómetros cúbicos.

Para unha superficie media de 60 hectáreas, dependendo sempre da zona xeográfica onde se localice, requírese un consumo anual de auga de entre 600.000 e 1.000.000 m3/ano, equivalente ao consumo dunha poboación de entre 9.000 e 12.000 habitantes. É dicir, anualmente un campo de golf estándar ten moito máis consumo de auga que todos os habitantes de Cee e Corcubión xuntos. O negocio do golf é insustentábel. Esquílmase un recurso escaso en beneficio do negocio privado duns poucos.

Degradación do solo:

No Estado español hai 417 campos de golf, segundo datos da Federación Española de Golf. Até o de agora os “pelotazos urbanísticos” e a construción destes campos estaban asociados: nos últimos 12 años construíronse 112 campos, o 90% promovidos por inmobiliarias. Como consecuencia da crise, as vivendas non se venden e a construción de campos de golf ralentizouse; uns 150 novos proxectos programados nos últimos anos non se executaron.

En zonas urbanizadas é imposíbel conseguir tanta cantidade de terreo, por iso ocúpanse terreos non urbanizábeis e áreas próximas a espazos naturais, que se privatizan. Asemade, recalifícanse os terreos e constrúense urbanizacións asociadas ao golf. Esgotados os espazos próximos á costa, cómpranse terreos de usos agrícolas e forestais. Esta ocupación de terras para o sector do ocio privado dunha élite foi en detrimento do sector primario, a producción de alimentos.

A mais destas dúas razóns, dende o Bng aínda estamos esperando pola resposta a pregunta que fixemos fai uns meses, na que pedíamos explicacións de como afectaría a construcción deste campo de golf aos veciños e veciñas de Cee, e dicir, si a superficie que se urbanizaría no monte de San Pedro Mártir habería que restala do solo urbanizable en Cee ou nunha das súas parroquias.

De afectar, estaríamos ante a imposibilidade de moitas familias de ceder un terreo aos seus fillos e fillas para poder facer unha vivienda.

É por iso que requirimos ao Pleno da Corporación

Eliminar nas previsións do borrador do PXOM calquera área destinada a construír un campo de golf no concello de Cee.

En Cee a 25 Abril de 2014.

Serxio Domínguez Louro

O BNG DE CEE LEVA AO PLENO UNHA MOCIÓN PEDIDO A RETIRADA DO CAMPO DE GOLF DO PXOM