Mocíon do BNG de Cee, para que de maneira inmediata volte o helicóptero de Salvamento a Cee

Mocíon do BNG de Cee, para que de maneira inmediata volte o helicóptero de Salvamento a Cee

Sra. Alcaldesa - Presidenta do Concello de Cee:

Serxio Domínguez Louro, concelleiro do BNG no Concello de Cee, eleva ao Pleno da Corporación para o seu debate, a seguinte MOCIÓN PARA QUE O CONCELLO DE CEE SOLICITE AO MINISTERIO DE FOMENTO, QUE DE MANEIRA INMEDIATA VOLTE O HELICÓPTERO DE SALVAMENTO Á BASE DE RUIBO (CEE).

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

A seguridade marítima da nosa frota é un dos aspectos que non admite ningún tipo de discusión, e a súa defensa debe estar sempre presente na axenda da xestión dos recursos públicos. Resulta inadmisíbel que se poida xogar co risco a expoñer as nosas xentes do mar, que faenan en augas de recoñecida perigosidade internacional, ás vacilacións de aforros e axustes de orzamentos.

E iso é o que está facendo o goberno de Rajoy, e o seu ministerio de Fomento e organismo de Salvamento Marítimo coa seguridade dos profesionais do mar da Costa da Morte. Concretamente co intento de desmantelamento, silencioso e por fases, do Heliporto de Salvamento de Ruibo-Cee, pero que presta un servizo inmediato a todas as localidades da zona.

O helicóptero de salvamento foi trasladado a Santiago, onde efectuará por un tempo transitorio, que se descoñece, as encomendas de rescate para o que está preparado. Dita circunstancia non é nova, xa que existe constancia de que dito aparato fica desprazado a base oficial do Sasemar na Coruña, Alvedro, de maneira continuada. Esta medida vai ter un efecto de demora nos tempos de rescate, e restará autonomía de voo, co que pode chegar a comprometerse a seguridade de moitos profesionais do mar, en situacións límites e que precisan unha rápida actuación. É un motivo serio de preocupación, e no que é preciso poñer o foco de atención, pola importancia deste tipo de servizos.

Esta situación preocupa a moitos profesionais do mar e tamén ao BNG polas continuas carencias deste heliporto e por motivos que ben poideron afectar moi gravemente a veciños da contorna. Neste senso, cabe destacar o sucedido co afundimento do pesqueiro Laberco nos baixos de Meixide de Carnota, o 4 de setembro de 2013, que finalmente tivo que ser rescatado por outra embarcación mariñeira próxima, o Mari Neves, ante a tardanza na chegada do helicóptero.

Resulta paradoxal que o recente informe do Ministerio de Fomento e da súa Comisión Permanente de Investigación de Accidentes e Incidentes Marítimos (CIAIM), oculta o papel que xogou o helicóptero no rescate de dito sinistro, a pesar de recoñecer que foi un dos medios empregados xunto coa embarcación Salvamar Regulus ( que tardou 30 minutos en chegar). Non informa do tempo de resposta, e por que finalmente non aportou nada no rescate.

Dende que a base de salvamento entrou en funcionamento, a finais de 2011, véñense sucedendo unha serie de circunstancias que evidencian que a base, ou ben, pasa por problemas loxísticos e de equipamento, ou está afectado por carencias orzamentarias, feitos que lle poderían estar a restar eficacia na resposta de rescate, problemas de seguridade, ou non cumprir con garantías o propósito para o que foi habilitada.

O BNG denuncia que xa son escasos o conxunto de medios de salvamento marítimo desprazados para a Costa da Morte, coma para que os que hai non estean a pleno rendemento. Entre a suma dos problemas do remolcador Don Inda, a falta dunha base loxística de continxencias, e os continuados problemas do Heliporto de Ruibo, queda de manifesto que existe un notorio descoido das autoridades na planificación e execución do salvamento marítimo na zona. As medidas de seguridade deberían ser equivalentes ao enorme tránsito de buques que discorren polo Corredor Marítimo de Fisterra.

É por iso que requirimos ao Pleno da Corporación municipal a adopción do seguinte

ACORDO

1. Instar á Xunta de Galiza a que demande do goberno do Estado, Ministerio de Fomento e o Organismo de Salvamento Marítimo,

• a súa implicación na necesidade e importancia que ten para Cee e o resto de concellos da Costa da Morte poder dispor dunha dotación de medios de salvamento e rescate marítimo o máis completa posíbel.

• Que á base do heliporto de Ruibo en Cee, para o salvamento e rescate marítimo,de inmediato sexa destinado o helicoptero Helimer por ser fundamental para os profesionais do mar de Fisterra e Costa da Morte.

• Que a Comisión Permanente de Investigación de Accidentes e Incidentes Marítimos (CIAIM) aclare o papel xogado polo HELICOPTERO HELIMER no rescate do pesqueiro de Fisterra Laverco, o 4 de setembro de 2013. E se detrás da falta da súa intervención está que o helicóptero partiu ese día doutra base de salvamento que non era a súa propia

• Trasladar este acordo ao presidente da Xunta de Galiza, presidente do goberno do Estado, Consellaría do Medio Rural e Mar, Ministerio de Fomento e CIAIM, advertindo da inseguranza que supón para os profesionais do mar carececer dun heliporto de salvamento sen posibilidade de poder facer o seu cometido.

Cee, a 9 de Abril de 2014

Mocíon do BNG de Cee, para que de maneira inmediata volte o helicóptero de Salvamento a Cee