O BNG DE CEE LEVA A PLENO UNHA MOCIÓN CONTRA A REFORMA ELECTORAL

O BNG DE CEE LEVA A PLENO UNHA MOCIÓN CONTRA A REFORMA ELECTORAL

Despois de 30 anos de se manteren no Estado español certos elementos básicos do sistema electoral, entre os que cómpre salientar a retrición da proporcionalidade que beneficia, sobre todo, os partidos máis votados e con maior implantación, o Partido Popular decidiu desenvolver unha ofensiva en diferentes frontes contra a democracia, as liberdades públicas e o dereito de participación e de expresión da cidadanía. De aí que pretenda, por unha parte, unha reforma da lei baseada na redución do número de deputados e deputadas para integraren o Parlamento galego e unha reforma da lexislación electoral para facilitar a investidura automática como alcalde ou alcaldesa da persoa que ocupe o primeiro posto da lista máis votada, aínda que non se corresponda coa expresión da vontade da maioría dos cidadáns e das cidadás que emitiron o seu voto. De feito, o que o PP leva expresado publicamente arredor da súa proposta non é que se escolla o/a alcalde/esa directamente, senón que uns votos posúan máis valor que outros.

Os obxectivos do PP son os de se asegurar con maior facilidade acadar a maioría absoluta e reducir a pluralidade política que a cidadanía expresa a través das urnas. Estamos, pois, ante unha subversión dos alicerces da representación democrática que vai na liña contraria do que defende o BNG.

Todos os informes especializados e os organismos internacionais sinalan que un dos principais elementos para combater a corrupción é a maior participación política e a pluralidade fronte á concentración do poder. Velaí as verdadeiras medidas anticorrupción que o PP non quere aplicar.

Así, pediremos ao pleno do concello de Cee que manifeste a súa rotunda oposición á proposta de reforma da lexislación electoral formulada polo Goberno do Estado que ten como finalidade que ostente a alcaldía a lista que resulte máis votada, reforzando deste xeito a concentración do poder municipal en órganos unipersoais e vulnerando a expresión do pluralismo político da cidadanía e a súa capacidade de participación e control da xestión pública municipal.

Cee, 21 de setembro de 2014

Serxio Domínguez Louro

Portavoz do Bng de Cee

O BNG DE CEE LEVA A PLENO UNHA MOCIÓN CONTRA A REFORMA ELECTORAL