O BNG DE CEE LEVA A PLENO UNHA MOCIÓN CONTRA O CANON BIBLIOTECARIO
O pasado 1 de agosto, en pleno período vacacional, o Goberno do Estado español publicaba o Real Decreto 624/2014, de 18 de xullo, que obriga ao pago polo empréstito a arquivos, museos e bibliotecas.
O real decreto determina o pago de dereitos de cada autor@ con base no pagamento dun canon por empréstito; estabelece o pago de 0,004 por empréstito realizado e 0,05 por persoa usuaria das bibliotecas. Ademais, sinala que mentres non se poida aplicar o pago por empréstito, estabelecerase o canon de 0,16 por obra adquirida pola biblioteca e dispoñíbel para ser prestada. Esta medida é un claro ataque ás bibliotecas públicas, que verán aínda máis diminuídas as posibilidades de actualizaren o seu fondo, e fai recaer o peso do pago sobre os concellos, que son, en moitas ocasións, as administracións que máis invisten en cultura a pesar de disporen de menos recursos que outras administracións. A normativa representa tamén un ataque ao dereito da cidadanía á lectura e ao acceso á cultura, prexudicando, máis unha vez, a quen menos ten, pois ao deteriorarse este servizo público dificultarase o acceso á cultura das persoas con menos recursos.
Con este RD dáse tamén o paradoxo de que as bibliotecas que prestan máis servizo e que teñen máis fondos e maior número de empréstitos son prexudicadas ao teren que achegar máis cartos por dar un maior e mellor servizo, feito que vai provocar unha rebaixa no seu nivel de calidade e de servizos prestados e mesmo unha diminución moi importante das súas adquisicións. Chegaremos ao absurdo de obrigar as bibliotecas a ter que prestar menos servizos, realizar menos compras e menos empréstitos para que os concellos propietarios desa bibliotecas poidan pagar menos cantidade polo canon.
Non se pode facerlle pagar por ler á cidadanía, por iso cómpre defender a biblioteca entendida como espazo xerador de cultura coa participación activa das persoas usuarias. Para isto, é necesario un impulso desde a Xunta de Galiza e a defensa do libro o e da cultura galega, do produto cultural propio, de calidade, asequíbel e accesíbel a toda a cidadanía.
Por todo o exposto, pediremos ao pleno do concello que inste á Xunta de Galiza a que demande do goberno do Estado español a paralización do Real Decreto 624/2014, e que se comprometa a defender ás bibliotecas municipais como espazos xeradores de cultura polo que garantirá orzamento adecuado para a compra de fondos.
Cee, 21 de setembro de 2014
Serxio Domínguez Louro