O BNG DE CEE LEVA UNHA MOCIÓN AO PLENO PARA RECUPERAR O ROTEIRO MEIGHA LIREA
No ano 2007, no marco das iniciativas do Programa Xuventude, da Dirección Xeral de Xuventude, da Consellería de Vicepresidencia que gobernaba o Bloque Nacionalista Galego, un grupo de xente moza da parroquia de Lires, puxo en marcha o Roteiro da Meigha Lirea, unha ruta pola costa de 9,2 quilómetros e que foi subvencionado con 7.200 euros pola Unión Europea.
O proxecto consistía en deseñar, construír e colocar os paneis indicativos, marcar a ruta convintemente con estacas de madeira coas súas respectivas sinalizacións, construír e colocar pequenos paneis explicativos en puntos destacados da ruta, elaborar unha guía para coñecemento do roteiro e a posta en marcha dunha páxina web do propio roteiro.
Hoxe, case oito anos despois, moi pouco queda daqueles cartos e daquel traballo. O roteiro está intransitábel pola maleza que o pecha, sobre todo no tramo de ruta mais espectacular, enriba dos cantís de Canosa e Lires. Os paneis indicativos son cada vez mais difíciles de ler dado a descoloración e os golpes. As sinalizacións de madeira, ou ben non están, ou sinxelamente están tapadas coa maleza antes mencionada. O despropósito logra a súa culminación coa desaparición do panel informativo de Pedras Miúdas, durante as obras na estrada cara a praia. O estado actual do roteiro fai que a desaparición da páxina web, ou a nula publicidade que se lle dá ao roteiro, pasen a un segundo plano, mais non carecen, da súa debida importancia.
Lires conta, a día de hoxe, cun potencial turístico importantísimo, reflexo diso é que unha boa porcentaxe da súa poboación vive case en exclusiva del. Casas de turismo rural, pensións, bares, albergues, restaurantes ou apartamentos son algúns dos exemplos a mencionar.
A administración local mais achegada a cidadanía, como é o concello, non pode obviar o modo de vida dos seus veciños e veciñas, polo que compre se afane en coidar todos os recursos posíbeis para aumentar unha actividade económica básica, ou cando menos mantela.
Os diferentes gobernos deste concello dende o 2007, nada fixeron por salvagardar unha inversión pública e un traballo feito por un grupo de persoas desinteresadamente, mais que pasa por ser un atractivo mais para visitar Leires.
Polo dito anterioremente, o Bng de Cee propón ao pleno que se inste a alcaldía a facerse cargo das reparacións e reposicións necesarias para que o roteiro Meigha Lirea volte ao seu estado primitivo, facerse cargo do seu mantemento, tanto de mantelo en condicións de transitabilidade axeitada, como de reposición de elementos en mal estado; abrir ou crear de novo a páxina web, e divulgar e publicitar axeitadamente o roteiro.