AS RAZÓNS DA OPOSICIÓN AOS ORZAMENTOS DE IxCée
Logo do último pleno no que a oposición tirou abaixo os orzamentos presentados polo alcalde, a equipa de goberno aprobou pola porta de atrás, e apoiándose nunha lei, cando menos discutible, os presupostos para este ano que acabamos de comezar.
A pasada semana, Vigo saía na prensa escrita falando das razóns que o levaron a tomar ese camiño, e esgrimía que o Bng só obxectara en comisión a falta de subvencións as entidades culturais.
Unha vez mais o alcalde minte. As razóns polas que o Bng votou en contra deixounas ben claras no pleno referido, e van moito mais aló das subvencións mencionadas.
A semana anterior ao pleno, o Bng presentou por rexistro a petición dunha comisión na que se voltase a tratar o soldo do alcalde, aprobado no seu día de maneira fraudulenta, éticamente falando. Dita comisión non foi convocada, o que chegaba para non apoiar os orzamentos.
Sen embargo non nos apoiamos únicamente nese punto, e demos estas outras razóns:
Os orzamentos son prácticamente iguais aos últimos aprobados polo Pp, continuidade nas principais liñas de actuación.
No informe de intervención advírtese da necesidade dunha Rpt para os traballadores, o que a curto prazo non parece previsto. Alerta tamén o informe, que a previsión de ingresos por taxas urbanísticas e do ICIO son moi optimistas, irreais polo tanto, o que claramente fala de previsións para cadrar números. Este dato pódese comprobar fácilmente comparando as cifras de gastos e ingresos, coincidentes até nos céntimos.
O mesmo informe fala tamén dun remanente negativo do 2014 de mais de cen mil euros. No 2015, co ano aínda sen pechar, a previsión non era moito mais positiva, polo que falamos de remanentes negativos anos tras ano. Demostra este dato que é necesario cambiar maneiras de facer as cousas económicamente falando, algo que cun orzamento prácticamente igual non parece probable.
A partida de gastos xurídicos elévase a 45000 euros, moi por abaixo dos precisos no caso de perder todos os contenciosos abertos co concello como protagonista. É dicir, de seguro van ser moitos mais dos orzamentados, véxase a probable indemnización de tres centos mil euros ao propietario da nave de Codesos, o que nos fai redundar no dito anteriormente, hai que trocar de inmediato hábitos recurrentes polos distintos gobernos. Ademais, é de ter en conta que esa cantidade prevista é moito maior que a previsible para obras.
Mal goberno o que adica mais a pleitos que a obras de progreso.
SERVIZOS SOCIAIS... Cunha previsión de gastos práticamente igual a do Pp, nada parece que vaia millorar. Mentres este goberno pretendía cobrar sete euros mensuais as persoas maiores con tres centos euros de pensión, vai seguir adicando oito mil (logo sempre son mais) a convidalos a xantar un día ao ano, electoralismo a conta do erario público.
CULTURA... A casa da cultura, o que debería ser un dos motores económicos do pobo, segue a carecer dun plan de viabilidade. Un tremendo continente sen contido, e ademais sen persoal para a atender, o que leva a que o técnico de cultura teña que facer labouras impropias do seu cometido.
Ademais, as entidades culturais seguen sen nengún tipo de axuda económica, a pesares do grande esforzo que fan para dinamizar a vida no pobo e nas parroquias. Cando o alcalde falou da imposibilidade presupostaria, o Bng puxo por exemplo os oito mil euros mencionandos para a comida dos maiores, que repartidos entres as asociacións suporía unha axuda enorme para as mesmas.
Do mesmo, xeito fixo fincapé o Bng en que a única partida que medra é a das festas da Xunqueira en dez mil euros. Lástima que a única visión cultural deste goberno sexan acrecentar as actividades de catro días ao ano.
Por todo o exposto até este momento o Bng opúxose a uns orzamentos irreais, insuficientes para aminorar a débeda do noso concello, sen previsóns de actuacións que dean pé a novos ingresos, ou que aminoren gastos de forma considerable para futuros exercicios.
Ademais, é de ter en conta tamén a maneira pouco ética, unha vez mais, que usa o alcalde para a arpobación dos mesmos, en xunta de goberno e ignorando o pleno, é dicir, a vontade dos e das ceenses que decidiron a conformación do mesmo.
En definitiva, uns orzamentos e un modus operandi que fan que no Bng nos reafirmemos no que sempre decimos... En Cée todo cambia para seguir igual.
Cee, 11 de xaneiro de 2016
Serxio Domínguez Louro