Campaña pola dignificación do uso do galego en Cee
Desde o BNG de Cee apostamos polo uso do galego en todos os ámbitos da vida, por iso, estamos a levar a cabo unha campaña para denunciar o mal uso do galego (ou a súa ausencia) por parte da administración local.
Existe no noso municipio, aínda, cartelería e outro tipo de mensaxes, como as alocucións da centraliña telefónica da casa do concello nas que se usa como lingua de referencia o castelán. Isto é mais denunciable aínda, se temos en conta que a nosa alcaldesa é a persoa que se encarga da normalización lingüística na deputación da Coruña, e que, a concelleira de cultura e deportes, que forma parte do grupo dos non adscritos se declara abertamente nacionalista, e ven dun partido político, o BNG, que sí o é.
Por iso, a posta en marcha desta campaña; desde aquí pedimos a colaboración de todos os cidadáns para reclamar o cumprimento da Lei de Administración Local e da Lei de Normalización Lingüística, e requirir destes poderes públicos o seu cumprimento.
Entre os documentos anexos, hai dous modelos de denuncia anónima (un dirixido á Deputación da Coruña, e o outro ó Concello de Cee), xunto ca imaxe dunha pegatina reivindicativa que se pode colocar en todos aqueles lugares nos que non se cumpra a lei.
Tamén puxemos en marcha a dirección de correo electrónico [email protected] ó cal se pode enviar toda aquela información de interese acerca deste tema, que será despois recompilada polo grupo local do BNG e notificada ós organismos competentes.