O BNG DE CEE SOLICITA ADICAR O MES DE FEBREIRO A ROSALÍA DE CASTRO

O BNG DE CEE SOLICITA ADICAR O MES DE FEBREIRO A ROSALÍA DE CASTRO

Presenta unha moción para realizar actividades que promovan o coñecemento da súa obra e do compromiso na defensa do galego

O 24 de febreiro de 2015 cumprense 178 anos do nacemento de Rosalía de Castro. Non é Rosalía, só a escritora máis representativa da lingua e da literatura galegas, senón a que marcou o camiño a seguir ao iniciar o proceso de recuperación de usos do galego co obxectivo de lle devolver a dignidade de que fora desposuído. A publicación do seu libro Cantares Gallegos, o primeiro escrito integramente no noso idioma, sinala o inicio da restauración do uso escrito do noso idioma e o final de séculos de silencio e esquecemento.

Nuns tempos en que os datos obxectivos indican un alarmante descenso no uso do galego, a difusión do coñecemento da súa obra é necesaria para as galegas e os galegos, en especial para as xeracións máis novas, pois nos seus textos achamos procedementos e argumentos para fomentar a utilización da nosa lingua, achegarse á nosa idiosincrasia e comprender a nosa identidade cultural. Cómpre, pois, aproveitar a reivindicación desta data para estendela a un mes de febreiro de firme e inequívoco compromiso co idioma, sumando todos os esforzos posíbeis para continuar o camiño por ela iniciado para o galego se converter na lingua en que expresarmos todos os nosos sentimentos e emocións, en que desenvolvemos toda a nosa actividade profesional, en que achegamos o noso contributo á cultura universal.

Pedimos ao goberno do concello de Cee, emprender e apoiar a realización de actividades de promoción da obra da nosa escritora que impliquen a veciñanza do noso concello ao longo do mes de febreiro, como por exemplo, pendurar nos balcóns das casas e das institucións bandeiras galegas, pancartas con versos de Rosalía debuxados, procurar espazos para realizar graffitis, murais, etc...Realizar lecturas públicas da obra rosaliana en lugares destacados do concello en que o alumnado dos centros escolares e persoas destacadas pola súa actividade cultural teñan o papel protagonista. Desenvolver unha serie de actividades para promover o coñecemento de actualizacións da obra rosaliana a través da música, o teatro, a literatura ou a danza, así como seminarios, mesas redondas e/ou conferencias sobre a súa obra e figura.

Cee, a 12 de Xaneiro de 2015

Serxio Domínguez Louro

Portavoz BNG de Cee

O BNG DE CEE SOLICITA ADICAR O MES DE FEBREIRO A ROSALÍA DE CASTRO