O BNG DE CEE RECUPERA UNHA DAS SÚAS ACTAS
Serxio Domínguez Louro, número catro da lista do BNG ás eleccións municipais do 2011, entrará na corporación municipal ceense trala saída de María José Fandiño Blanco. Dende abril do 2013 é, ademais, responsable do BNG da Costa da Morte e, segundo se coñeceu recentemente, formará parte tamén da lista que o partido presentará ás vindeiras eleccións europeas (posto 50). Ábrese para el, relativamente, un novo tempo, aínda que asegura que traballarán como o viñan facendo xa. Foi a propia Fandiño quen lle comunicou a nova da súa renuncia onte pola mañá.
-¿Como afronta esta nova etapa de entrada na corporación?
-Con ilusión e con ganas, tamén pola xustiza de que o BNG teña a posibilidade de recuperar o que lle corresponde..
-Estamos falando de que agora quedarán dúas persoas de ANC, expulsadas no seu día do BNG, e vostede. ¿Haberá dous grupos?
-O BNG vai ter voz no Concello. Eles [por Daniel Oca e Santos Díaz] seguirán pertencendo ao grupo dos non adscritos. Dalgún xeito, cada un ten que apandar co que fixo no seu momento. Nós estamos aquí para traballar e para axudar, como o estabamos facendo, aínda que, por suposto, tendo en conta a diferenza que supón estar ou non estar dentro da corporación. Seguiremos en contacto coa xente, como foi sempre, pero cunha maior oportunidade, por exemplo, de presentar mocións. Entramos para aportar o noso gran de area, non para unha oposición destrutiva.
-Aínda que ANC e BNG teñan nome distinto, ideoloxicamente non están tan lonxe, asegura Oca. ¿Como prevé as votacións nos plenos? ¿Podería haber unidade á hora de sacar adiante iniciativas?
-Iso xa depende máis deles ca da min, porque o BNG mantense onde estivo sempre. Foron eles os que incluso votaron cousas, e non son palabras miñas, coas que non estaban de acordo [alude, por exemplo, a privatizacións]. Será deles onde hai que ver onde están. A súa maneira de pensar non cambiaría dun día para o outro, pero está claro que polo menos a nivel local fixeron cousas que non ían na liña do BNG nin tampouco na liña do programa co cal se presentaron ás eleccións. O Bloque desmarcouse sempre diso e seguirá facéndoo, aínda que, por suposto, eu débome ao partido e aos meus compañeiros.
-O pacto cos populares xa rompeu. ¿Nunca se falou dunha volta dos membros de ANC ao BNG?
Non, non se falou dunha reintegración. A día de hoxe, non pasa iso pola idea dos compañeiros. En ningún momento se sopesou esa posibilidade.