O BNG DE CEE LEVA A PLENO A COLOCACIÓN DUNHA MARQUESIÑA NO LUGAR DE TEDÍN
No lugar de Tedín, os nenos e nenas que esperan o autobús para acudir ao colexio público están a facelo a intemperie, sen un lugar onde resgardarse da choiva e do frío. O cambio de traxecto que segue o autobús para facer a recollida, de seguro a causa da diminución de alumnos, fai que a marquesiña existente e sita na estrada que vai cara Ruibo non sexa útil. A parada actual sitúase na estrada Lires-Toba.
É preciso pois a colocación dunha nova, nun novo lugar o mais axeitado posíbel, e que dea un servizo óptimo e oportuno ao alumnado do lugar.
Ademais, a existente supón un perigo debido a oxidación das bases introducidas no formigón, e é un risco para coches e viandantes, xa que pode ser arrancada do sitio con moita fácilidade en caso de temporal.
Pola situación da aldea, onde o percorrido pode ser cambiado dependendo das necesidades, si hai alumnado suficiente ou non, o lugar de Tedín debería dispor das dúas marquesiñas, da antiga que debería ser reparada e volta a colocar, e da nova no lugar adecuado.
En xaneiro de 2015 presentamos un escrito pedindo ao goberno de entón que se arranxase a situación. Logo de ser enviado un dos operarios do concello ao lugar, que puido comprobar o problema in situ, nada se fixo.
En agosto do ano pasado, xa co goberno actual, voltamos facer a petición, esta vez en pleno e no punto de rogos, pero tampouco nada se fixo.
Unha e outra vez a petición foi ignorada, o servizo segue sen darse e o problema da marquesiña vella segue vixente.
Polo esposto até o momento, o Bloque Nacionalista Galego pide ao pleno da corporación de Cee a adopción do seguinte acordo:
- A colocación dunha marquesiña en condicións e lugar axeitados.
- A reparación e posterior colocación da existente para evitar riscos innecesarios.
Cee, a 12 de setembro de 2017
Serxio Domínguez Louro
Concelleiro do Bng de Cee