O BNG DE CÉE LEVA UNHA MOCIÓN A PROL DA AMPLIACIÓN DA ACREDITACIÓN POR VIOLENCIA MACHISTA
O BNG DE CÉE LEVA UNHA MOCIÓN A PROL DA AMPLIACIÓN DA ACREDITACIÓN POR VIOLENCIA MACHISTA E DA CREACIÓN DO ESTATUTO DO FEMINICIDIO
Trataráse no pleno do vindeiro xoves.
A violencia machista é un dos problemas máis graves que ten que enfrentar a nosa sociedade.Despois de anos de aplicación, insuficiente en moitos casos por limitación de recursos e orzamentos, a violencia machista segue presente na nosa sociedade. Por iso, cómpre avanzar e darmos pasos adiante que melloren os marcos legais e realizar un labor preventivo e educativo maior.
Ante a gravidade do problema consideramos fundamental a inclusión do Feminicidio como forma de terror propia que sofren as mulleres e que serva de base para a elaboración dun Estatuto de vítima de Feminicidio. Doutra banda, a resposta fundamentalmente penal diante deste problema tense demostrado como insuficiente, polo que é preciso avanzar no apoio económico, psicolóxico e social así como na prevención.Corresponde á Administración local, por ser a institución máis próxima á veciñanza converterse nunha referencia para o combate deste problema e presionar para que se avance no recoñecemento das realidades de violencia machista e na súa prevención.
Por estes motivos, o BNG solicita do Pleno da Corporación Municipal a adopción do seguinte ACORDO:
instar á Xunta de Galiza a trasladar ao goberno do Estado a necesidade de modificar a Lei Orgánica 1/2004, de 28 de decembro, de Medidas de Protección Integral contra a Violencia de Xénero, introducindo o termo Feminicidio e iniciar os traballos para desenvolver o Estatuto de Vítima de Feminicidio.
Así mesmo, a iniciar os traballos para modificar da Lei galega 11/2007, do 27 de xullo, para a prevención e tratamento integral da violencia de xénero para incorporar a regulación do Feminicidio e o estatuto de protección das vítimas do feminicidio
Finalmente, instar á Xunta de Galiza a mellorar os servizos de atención psicolóxica, información, inserción laboral recollidos na Lei galega 11/2007, do 27 de xullo, para a prevención e tratamento integral da violencia de xénero e garantir que o servizo 016 de atención as mulleres estará operativo e con medios reais durante todos os días do ano as 24 horas do día.
Cée, 3 de novembro de 2014.
Serxio Domínguez Louro
Concelleiro do BNG de Cée.
Cee, 05 de Setembro de 2014.
Serxio Domínguez Louro