O BNG DE CEE LEVA AO VINDEIRO PLENO UNHA MOCIÓN EN APOIO AOS BOMBEIROS
O BNG DE CEE LEVA AO VINDEIRO PLENO UNHA MOCIÓN EN APOIO AOS BOMBEIROS E DEMANDANDO UNHA SOLUCIÓN AO PROBLEMA
A Xunta de Galiza é a administración pública con competencias na extinción de incendios nos concellos con menos de 20000 habitantes. Porén, o goberno galego desenténdese das súas competencias deixando en mans de concellos e deputacións provinciais a organización e sostemento dun servizo público crucial como o persoal con tarefas de extinción de lumes e emerxencias.
Entendemos que os Servizos de Emerxencias, particularmente os Bombeiros, teñen que ser xestionados de forma directa e teñen que abranguer todo o territorio galego. Mais a situación en Galicia é ben diferente: salvo nas grandes cidades os Bombeiros dependen de empresas privadas, sen garantir de xeito efectivo que o conxunto da cidadanía galega dispoña dun servizo de calidade, senón máis ben en precario, e no caso de algúns concellos, de ningún.
Estamos polo tanto, e pola deixadez de funcións da administración galega, ante un servizo mermado e menos efectivo do que é preciso. Deste xeito, mentres as recomendacións son que os equipos estean compostos por cinco bombeiros/as, actualmente as saídas estan a facelas unidades compostas por tan só tres persoas. A empresa mesmo exixe agora que desas tres persoas que compoñen a quenda de traballo, unha delas fique para custodiar o parque de bombeiros mentres o resto acoden a unha intervención, de tal maneira que é súa a responsabilidade e o criterio de deixar o parque sen persoal. Traballando en quendas de 3 bombeiros, non se acadan as recomendacións de seguridade impostas pola UE, tanto para o persoal intervinte, neste caso os bombeiros, como para a xente afectada nunha intervención, é dicir, a cidadanía.
Coa aplicación do Réxime dos Traballadores existente ata o de agora, e por mor da interpretación que fai a empresa xestora da reforma laboral, os Bombeiros están a sufrir a redución da súa capacidade económica. Ademais, no caso de baixa laboral, estes están a percibir un 40% menos do seu salario no primeiro mes, e un 25% menos no resto, cando a empresa percibe o 100% da administración. Lembremos que estamos falando dunha profesión de alto risco, onde os accidentes laborais son habituais e poden ser moi graves.
Así mesmo, a problemática deste sector está a vivir unha grande deixadez social, polo que as empresas están a presionar ós traballadores hasta o ponto de ter que pagarse a súa formación, e nalgún caso repoñer material danado, amais das presións continuas que sofren, ó ser eles os que levan todo o peso das intervencións sen ter un marco legal que regule a súa profesión.
A pesares de que a Lei de Emerxencias obriga á homoxeneización das condicións laborais dos traballadores de toda Galicia, a empresa NATUTECNIA non é quen de chegar a un acordo cos seus traballadores, tendo en conta ademais que na proposta de convenio dos traballadores non se solicita aumento salarial ningún.
Esta situación excede amplamente dun simple conflito laboral entre patronal e persoal traballador, por incidir gravemente nas condicións de prestación dun servizo como a extinción de lumes e emerxencias. É evidente que tanto a Xunta, titular da competencia, como as deputacións, que asumen o servizo de forma efectiva por medio dos consorcios provinciais contra incendios e de salvamento, teñen que garantir a seguranza da veciñanza, nestes momentos comprometida.
Polo tanto, en canto a prestación do servizo, só cabe dicir que evidentemente é un servicio mermado, que sae adiante polo traballo destes profesionais,o que demostra que a xestión privada non é a mais acaída para un servizo básico como é o de bombeiros xa que grande parte desta problemática deriva das ansias da empresa concesionaria de maximizar beneficios a costa da degradación do servizo.
Mediante a moción presentada, o Bng quere acadar que o concello de Cee apoieo ás demandas tanto laborais como de calidade dos servizos de bombeiros do noso parque comarcal, que o pleno inste á Xunta e á Deputación a mediar no conflito entre as empresa e o persoal de extinción de lumes e emerxencias.
Ademais, instar a empresa Natutecnia a acordar un convenio nas mesmas condicións que o resto dos parques de xestión privada da provincia e de Galiza. E por último, instar ao Goberno da Xunta a desenvolver plenamente a Lei de emerxencias e, nesa liña propor, nun prazo non superior a seis meses, un modelo homoxéneo de prestacións e condicións de traballo dos servizos de prevención e extinción de incendios e salvamento, con base no criterio de prestación pública directa do servizo e apostar pola profesionalización dos Servizos de Emerxencia e Salvamento da Galiza, coa elaboración e aprobación dun Estatuto profesional.
Cee, 03 de Xullo de 2014.
Serxio Domínguez Louro