O CONGRESO CONFIRMA O DESMANTELAMENTO DA BASE DE SALVAMENENTO MARÍTIMO DE RUIBO
O CONGRESO CONFIRMA A DENUNCIA EFECTUADA POLO BNG AO RESPECTO DO DESMANTELAMENTO DA BASE DE SALVAMENTO MARÍTIMO DE RUIBO
O BNG recibe con indignación a resposta do PP no Congreso, no que recoñece que, o helicóptero de rescate no mar, definitivamente é trasladado ao aeroporto de Santiago, baixo a xustificación de que a operatividade na base de Cee está restrinxida pola Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA) a voos diúrnos.
O BNG valora coma inadmisible que,tras a inversión millonaria feita, para unha base que se concibía coma unha instalación totalmente moderna, e tendo un dos corredores marítimos internacionais con máis riscos de accidentes por volume de tráfico, unha importante flota pesqueira operando en portos da Costa da Morte, sumado aos preocupantes antecedentes de accidentes de barcos pesqueiros rexistrados nos últimos meses na costa atlántica e cantábrica, agora o Estado rebaixe as medidas de salvamento e elimine o elemento máis determinante polo que se construíu o heliporto.
O BNG ademais empraza ao Goberno e a Xunta a dar a cara neste asunto, e expliquen á cidadanía, pero en especial ao sector mariñeiro da Costa da Morte, como quixeron ocultar e restarlle importancia ao desmantelamento do heliporto de rescate, recén estreada, e que agora vai ficar pechado.
Na contestación no Congreso, Salvamento Marítimo vénlle dar a razón as denuncias efectuadas polo BNG nos últimos meses, que tiveran que verse reforzadas con sendas preguntas, tanto no Parlamento Galego coma no propio Congreso, para verse confirmadas publicamente, pois tanto o goberno do Estado coma o da Xunta, eludían e non recoñecían , coa claridade o que agora en sede parlamentaria se fai.
O BNG trasladara unha pregunta ao Congreso, con data de 7 de marzo de 2014, mediante a súa deputada Rosana Pérez, denunciando a preocupación que existe na Costa da Morte sobre esta cuestión, e coa certeza de que este desmantelamento ía ocasionar un incremento no risco de seguridade no mar, ao restárselle operatividade en tempo de resposta en caso de accidentes.
O BNG destaca que os argumentos de Xunta e Estado, sobre o futuro da base, entran en contradición, xa que se ben a Xunta (sen ter competencias ) deixaba aberta o feito de que a base recuperaría o helicóptero o antes posible, mediante a solución dos problemas detectados (derivados da falta de dispositivos de manobra que facilitaran a visibilidade nocturna e con néboa da base), a resposta do ente do goberno, Salvamento Marítimo, o día 4 de abril ao Congreso, interprétase claramente no outro sentido: a retirada definitiva do helicóptero por existir unha mellor alternativa, xustificándose en que dito cambio permite atender emerxencias as 24 horas do día, así como aumentar o alcance das actuacións a realizar debido ás características técnicas do aeroporto de Santiago, e na que considera que toda a costa galega conta cun bo servizo de salvamento no mar.
O BNG non comparte dita argumentación e demanda que o helicóptero ten que estar na base da Costa da Morte, o máis próxima aos puntos de risco, e que se dote a instalacións das solucións técnicas precisas, xa que senón Salvamento Marítimo debería ter pensado antes o avalar a Estación antes de gastarse 2 millóns de euros do erario público, cantidade que agora parece non importar, e pedirá que se depuren responsabilidades a todos aqueles artífices implicados na deficiente selección, construción e dotación desta base.
Cee a 15 de Maio de 2014
Serxio Domínguez Louro