O BNG PRESENTA UNHA MOCIÓN PARA APOIAR A FOLGA INTERNACIONAL DE REIVINDICACIÓN FEMINISTA DO 8 DE MARZO
A folga feminista do 8 de marzo pretende ser unha chamada de atención sobre a desigualdade e invisibilidade que historicamente sofren as mulleres, co obxectivo de esixir a mellora das súas condicións sociais e laborais para combater as discriminacións laborais agravadas polas medidas aplicadas baixo a coartada da crise económica.
A fenda salarial en Galiza é do 23%, pois mentres o salario medio anual dos homes se estima en 20.243 euros o das mulleres só chega aos 15.730 euros, ao que hai que engadir que os contratos a tempo parcial, temporal e descontinuo son maioritariamente femininos, o que repercute na baixa cotización, soldo, prestación do paro e das pensións. En Cee hai 366 mulleres rexistradas no paro e 228 homes, segundo os últimos datos da Xunta, o que representa unha porcentaxe de case o 20 por cen superior de desemprego por razón de sexo. Máis aínda, no laboral as mulleres cobran menos de media e sofren máis precariedade, no ámbito do consumo foméntase que as mulleres teñan que adquirir produtos máis caros que aplican a denominada “taxa rosa” cando están dirixidos ao mercado feminino, ademais de gravar os produtos básicos de hixiene cun 21% de IVE.
Por causa do sistema patriarcal e da realidade socioeconómica, as mulleres sofren máis atrancos na conciliación da vida familiar e laboral, para o que se fai necesario mudar ideas, comportamentos e mesmo leis para poder garantir a igualdade de dereitos e de oportunidades. Tampouco se recoñecen as tarefas domésticas e de coidado familiar, por iso esta convocatoria tamén pretende chamar a atención sobre os coidados e as tarefas. Durante a crise, esta situación agravouse e o deterioro dos servizos públicos agrava unha desigualdade que, superado o ciclo económico da recesión, busca consolidarse. Desta forma, os datos demostran que son maioritariamente as mulleres as que optan por xornadas parciais ou excedencias para coidar crianzas e maiores, moi por riba da poboación masculina. No caso das excedencias, por exemplo, no 2017 foron solicitadas por mulleres 1.078 fronte a 132 pedidas por parte de homes.
A convocatoria do 8 de marzo aspira a ser transversal para mudar, dende o cotiá, o sistema articulado baixo as ordes do patriarcado, do capitalismo, do racismo, da emigración e da depredación ambiental. Por estes motivos, esta folga pretende incidir no ámbito laboral, de coidados, estudantil e de consumo.
Por iso, o BNG solicita do pleno da corporación, que o concello de Cee apoie a convocatoria desta folga de mulleres prevista para o 8 de marzo de 2018 no marco dunha xornada internacional de paros e mobilizacións para reivindicar a igualdade de oportunidades nas condicións de traballo, na esfera social e no dereito a vivir sen violencias, e que realice un chamamento a participar nas mobilizacións convocadas polo movemento feminista galego e a secundar a manifestación nacional unitaria.