O BNG DE CEE PRESENTA UNHA MOCIÓN PARA REGULAR A PARTICIPACIÓN CIDADÁ NA VIDA POLÍTICA MUNICIPAL

O BNG DE CEE PRESENTA UNHA MOCIÓN PARA REGULAR A PARTICIPACIÓN CIDADÁ NA VIDA POLÍTICA MUNICIPAL

• Favorecer a participación, é fortalecer a democracia

A participación social e cidadán debe ser o alicerce da política municipal, como medio para facer a acción de goberno o máis acaída posíbel ás demandas e necesidades da cidadanía. O concello ha de procurar implicar aos colectivos políticos e sociais interesados na elaboración e execución das políticas locais, a través dos mecanismos máis idóneos en cada caso. Por iso, debe avanzarse na institucionalización da participación social, de xeito que se garanta o dereito das veciñas e veciños a intervir nos asuntos que sexan do seu interese, individualmente ou a través de entidades representativas (asociacións, entidades sectoriais, partidos políticos).

O concello de Cee carece dun mecanismo que regule a participación de calquer que o quixer, por iso, de xeito similar ao que acontece noutros concellos, consonte as potestades de autoorganización municipal, debe procederse a adaptar, tanto o Regulamento Orgánico Municipal, como a aprobar un Regulamento específico de participación cidadá que permita a presenza directa de asociación políticas, veciñais e sectoriais presente no concello, para dinamizar a vida municipal.

A participación social non é simplemente un lema, senón que vai más alá e contribúe a afortalar o movemento social organizado, aumentar a conciencia e a corresponsabilidade da sociedade a través da súa participación na toma de decisións, e en suma, democratiza a vida municipal, convertendo aos concellos nunha institución ao servizo da cidadanía.

Polo dito, pedimos que se inicien os trámites precisos para que se artellen os mecanismos necesarios para regular a participación de asociación políticas, veciñais, culturais, deportivas ou sectoriais na vida municipal e que se adopte un Regulamento de participación cidadá que permita a participación e presenza directa nos Plenos de veciños e veciñas a título individual para a defensa dos seus intereses como das asociación políticas, veciñais, culturais, deportivas ou sectoriais en asuntos de interese local e xeral.

En tanto non se culminen os trámites legais pertinentes, que se permita a participación directa e a formulación de iniciativas rogos e preguntas por parte de veciños e veciñas e de representantes políticos e veciñais de entidades e asociacións con implantación en Cee.

Cee, a 18 de Novembro de 2014

Serxio Domínguez Louro

O BNG DE CEE PRESENTA UNHA MOCIÓN PARA REGULAR A PARTICIPACIÓN CIDADÁ NA VIDA POLÍTICA MUNICIPAL