PRESENTARÁ A PROPOSTA DE ENGANCHAR A PEREIRIÑA COA ACOMETIDA PRINCIPAL QUE VEN DENDE O ÉZARO.
O BNG DE CEE PIDE SOLUCIÓNS A FALTA DE AUGA NAS PARROQUIAS
Son varias as parroquias que nos últimos veráns están a ter cortes no subministro de auga, pola escaseza da mesma nas traídas veciñais.
Tendo en conta que este problema vai ir a mais nos vindeiros anos, e que é unha das obrigas que a lei contempla para os concellos (dar servizo auga e saneamento) compre comezar a poñer remedio paulatino para, como pasa en moitas ocasións, non ter que asumir todo de golpe cando o problema sexa irreversible.
É por isto que o Bng pedirá que no vindeiro POS+ 18 da Deputación, no que ao noso concello vanlle chegar mais de 700 mil euros, se inclúa a obra de subministro a Bermún (Pereiriña).
O problema nesta parroquia vese agravado ademais porque son varios os negocios de restauración alí asentados que sofren cada pouco tempo inspeccións de sanidade, e que como todos sabemos deben ter un control maior sobre a auga. Do mesmo xeito solicitaremos que a obra se faga coa previsión de levar esa traída até Lires, onde nas últimas semanas, e debido a escaseza por un lado, e a que aumenta a poboación na época estival, tamén está a sufrir cortes diarios.
Sendo conscientes da necesidade desta obra e que a mesma, de resultar aprobada, aínda tardará meses en facerse realidade, o concello debe actuar nese punto e noutros deficientes do concello e subministrar auga por outros medios.
Por esa razón, presentaremos este venres un escrito onde solicitaremos que se dea servizo a todas aquelas aldeas que carezan de auga, como a propia Pereiriña ou Ameixenda, que nas pasadas semanas tiña o mesmo problema, mediante camións cisternas.
Cee, 11 outubro de 2017
Serxio Domínguez Louro
Concelleiro do Bng de Cee