O BNG DE CEE LEVARÁ UNHA MOCIÓN AO PLENO EN CONTRA DA PRIVATIZACIÓN DOS REXISTROS CIVÍS

O BNG DE CEE LEVARÁ UNHA MOCIÓN AO PLENO EN CONTRA DA PRIVATIZACIÓN DOS REXISTROS CIVÍS

.Despois de ter investido inxentes recursos públicos para a modernización e dixitalización dos rexistros civís, agora póñense en mans privadas, impoñendo taxas que non ingresarán nas arcas públicas senón nas dos rexistradores/as directamente.

O goberno do PP no Estado español aprobou o pasado ano o Real decreto-lei 8/2014, do 4 de xullo, que leva aparellado o traspaso dos rexistros civís aos rexistros da propiedade e mercantís. Desaparece, así, un servizo público que se prestaba gratuitamente á organización rexistral, onde se gravan cun arancel as prestacións realizadas aos usuarios e usuarias. Dese xeito, un servizo até o de agora gratuíto acabará converténdose de pago obrigado.

O Rexistro Civil é un servizo público e gratuíto que cumpre numerosas funcións, que son indispensábeis para a vida diaria de calquera persoa: inscrición de nacementos, estado civil, cambio de nome ou sexo... Hai trámites sinxelos, mais outros requiren acudir en persoa, o que o converte nun servizo imprescindíbel. E as persoas usuarias van ser as que precisaren expedir documentos básicos para acreditar a súa situación persoal, uns documentos que, á súa vez, son obrigatorios para cobrar pensión, prestacións de servizos sociais ou axudas públicas. Para alén disto, en moitos casos terán que facer longos e custosos desprazamentos, pois recentemente confirmouse que o Rexistro vai ser asumido unicamente por aqueles que teñen competencias mercantís. O mapa, pois, na Galiza ficaría só con rexistros na Coruña, Santiago, Lugo, Ourense e Pontevedra, fronte á actual presenza dos rexistros civís en todos os concellos galegos.

Por todo o anteriormente exposto, o grupo municipal do BNG, solicitará da Corporación en Pleno, a adopción do seguinte acordo: Expresar o rexeitamento ao Real decreto-lei 8/2014, do 4 de xullo . Instar á Xunta de Galiza a que demande do Goberno central que se garanta o servizo público, a atención nos xulgados de paz e a gratuidade futura nas funcións que prestan os rexistros civís.

Cee a 08 de Abril de 2015

Serxio Domínguez Louro

O BNG DE CEE LEVARÁ UNHA MOCIÓN AO PLENO EN CONTRA DA PRIVATIZACIÓN DOS REXISTROS CIVÍS