O BNG DE CEE LEVA A PLENO UNHA MOCIÓN SOBRE O PLAN DE MELLORA DOS CAMIÑOS RURAIS

O BNG DE CEE LEVA A PLENO UNHA MOCIÓN SOBRE O PLAN DE MELLORA DOS CAMIÑOS RURAIS

A Consellaría do Medio Rural vén de comunicar aos concellos as previsións de investimento a través do denominado “Plan marco de mellora dos camiños rurais” para o período 2017-2018, cunha dotación  de 15.998.673 euros para dito período de dous anos, a distribuír entre os concellos do país.

 O mesmo plan para 2016 contaba cunha dotación para un ano de 19.998.100 de euros, e dicir,  redúcense os fondos dispoñíbeis en máis dun 60 por 100. A Consellaría do Medio Rural recorta a asignación indicativa de 13 euros por habitante de 2016, ao pasar agora a 10 euros por habitante para o período bianual, isto é, 5 euros por habitante e ano.

Esta redución deixa ás claras que o medio rural, os investimentos para a súa mellora e desenvolvemento non son a prioridade do Goberno do Partido Popular en Galiza, pois relega investimentos destinados a actuacións que inciden directamente na mellora dos equipamentos e infraestruturas no medio rural, que potencian directamente a base produtiva do agro galego. Dese xeito, con esta política de diminución dos fondos achegados aos concellos para a investimentos no rural, o Partido Popular rexeita manter o necesario esforzo na dotación de fondos públicos para dignificar e mellorar a calidade de vida das persoas que viven no medio rural no noso país e que ademais contribúen a corrixir os desequilibrios territoriais e a fixar poboación no rural.

Esta evolución negativa de fondos para o rural está inserida no desleixo que o Goberno da Xunta de Galiza amosa polo sector agrario no seu conxunto.  As consecuencias desa falta de atención polas políticas rurais xa se denunciaron cando o Goberno presidido por  Feijoo aceitou un notábel recorte nos fondos do Programa de Desenvolvemento Rural 2014-2020 de Galiza, que conta cunha dotación económica un 20 por 100 inferior ao orzamento inicial do Programa do período precedente 2007-2013.

 

Por todo iso, dende  o  BNG pedimos que o pleno do concello de Cee inste ao Goberno Galego a incrementar a dotación do Plan marco de camiños rurais cos concellos e a dotar dito Plan dun orzamento plurianual, que asegure investimentos de xeito sostido e progresivo en colaboración cos concellos.

 

 

Cee a 26 de xuño 2017

Serxio Domínguez Louro

Concelleiro do Bng de Cee

O BNG DE CEE LEVA A PLENO UNHA MOCIÓN SOBRE O PLAN DE MELLORA DOS CAMIÑOS RURAIS