O BNG DE CÉE PRESENTARÁ UNHA MOCIÓN DE APOIO ÁS PERSOAS REFUXIADAS E MIGRANTES EN EUROPA

O BNG DE CÉE PRESENTARÁ UNHA MOCIÓN DE APOIO ÁS PERSOAS REFUXIADAS E MIGRANTES EN EUROPA

Estamos a vivir, xusto ás portas de Europa e no propio continente, unha crise humanitaria sen precedentes desde a II Guerra Mundial. A magnitude da traxedia precisa unha actuación urxente da Unión Europea e da comunidade internacional, para derrubar novos muros que deixen do lado de fóra a miseria e a dor. A Unión Europea segue a non definirse. Un dos exemplos máis evidentes do desinterese inicial da UE por resolver esta dramática situación está o facto de, após de máis dunha semana de crise humanitaria, deciden o 30 de agosto convocar unha reunión de urxencia do Consello de Ministros de Interior para o día 14 de setembro. Entre tanto, millares de persoas refuxiadas continuaron e continúan a se agolpar en condicións penosas nas fronteiras ou achan a morte no Mediterráneo. Unha vez mais, o capitalismo non ten alma, ten apenas carteira.

Os concellos deste país, como xa algúns o demostraron, non poden ser alleos a este drama, polo que diante da traxedia que están a vivir as persoas refuxiadas e migrantes, solicitamos do pleno da corporación municipal a adopción do seguinte ACORDO:

Instar á Xunta de Galiza, a que demande do Goberno do Estado, que asuma as súas responsabilidades con urxencia na crise humanitaria que están vivindo as persoas refuxiadas e migrantes en Europa e na contorna do Mediterráneo. Tamén que asuma as súas responsabilidades e participe facilitando os recursos e servizos necesarios para a acollida temporal de persoas refuxiadas en Galiza.

Iniciar contactos coa FEGAMP e organizacións non gobernamentais que están traballando sobre esta problemática en Galiza para impulsar a creación dunha rede galega de concellos de acollida, que permita recoller a iniciativa cidadá e darlle apoio e organización e ofrecer soporte técnico.

Xestionar a mobilización e disposición de axudas as persoas refuxiadas ou migrantes asentadas no noso concello.

O concello de Cée ten en propiedade dúas vivendas na última promoción de vivendas públicas. O Bng propón, sempre e cando non estean ocupadas por familias con necesidades, poñer ambas a disposición das persoas e familias refuxiadas.

Cée, 24 de Setembro de 2014.

Serxio Domínguez Louro