PRESENTOU UNHA MOCIÓN PARA O SEU DEBATE EN PLENO

O BNG PEDIRÁ QUE O CONCELLO DE CEE SEXA VILA LIBRE DE CIRCOS CON ANIMAIS

O BNG PEDIRÁ QUE O CONCELLO DE CEE SEXA VILA LIBRE DE CIRCOS CON ANIMAIS

A cuestión do respecto cara aos animais levou a cidadanía a demandar novas accións en diferentes eidos normativos. O uso de animais en espectáculos é, quizais, un dos aspectos máis surrealistas que teñen lugar no noso país, nomeadamente os circos, que ofrecen unha imaxe radicalmente distorsionada do que supón a fauna silvestre.

A vida destes animais nos circos caracterízase polo illamento, o castigo, o medo e o cativerio. As exhibicións de animais nos mesmos, ofrecen tamén unha mensaxe educativa negativa. Aínda que os espectáculos circenses non amosen condutas de violencia explícita á vista do público espectador, os actos que os animais teñen que realizar durante toda a súa vida non son habituais nin naturais e, para obrigalos a se comportaren deste xeito, sométenos a métodos de adestramento baseados no castigo físico, a privación de alimento e ao illamento do resto dos seus conxéneres.

Os animais que viven nos circos están obrigados a permaneceren o resto da súa vida privados de liberdade, atados, engaiolados ou encadeados en camións de traslado, negando calquera posibilidade de satisfacción das súas necesidades etolóxicas e naturais. A natureza transitoria dos circos e a vida constante de confinamento, privación de estimulación e frustración da fauna, conduce os animais a estados neuróticos e comportamentos repetitivos “estereotipados”, como balancear a cabeza ou corpo, movementos circulares dentro das gaiolas e até automutilacións.

Estes trastornos psicolóxicos chegan a provocar reaccións violentas que poden causar graves riscos para as persoas en caso de accidente, un extremo que sucedeu en numerosas ocasións ao longo dos últimos anos.

Un importante número de países e vilas de todo o mundo xa vetaron o uso de animais nos circos con base na súa protección e benestar, ao considerar que a súa exhibición e as condicións de vida supoñen unha crueldade, ao mesmo tempo que incrementan o tráfico ilegal de animais e a caza furtiva de especies protexidas.

 

Os circos usan os animais como reclamo do público infantil. Xulgamos que os pequenos e as pequenas deste país, a sociedade do futuro, merecen unha educación baseada en valores que inclúan o respecto cara aos seres vivos e o contorno.

E por iso que propomos ao pleno do concello de Cee a adopción do seguinte acordo:

Non autorizar nen promover ou amparar a instalación de circos con animais no termo municipal, declarar o concello vila libre de circos con animais, non permitir a instalación de publicidade de espectáculos circenses con animais no termo municipal e notificar este acordo á Xunta de Galiza, aos grupos do Parlamento de Galiza e á Asociación Animalista Libera.

 

Cee, 04 agosto de 2017

Serxio Domínguez Louro

Concelleiro do Bng de Cee 

O BNG PEDIRÁ QUE O CONCELLO DE CEE SEXA VILA LIBRE DE CIRCOS CON ANIMAIS