O BNG SOLICITA ACTUACIÓN INMEDIATA NO SANEAMENTO DAS AUGAS FECAIS QUE CHEGAN AOS AREAIS CONTAMINADOS DE CEE

Demanda a intervención urxente de AUGAS DE GALIZA, á propia XUNTA, e a DEMARCACIÓN DE COSTAS na detección dos focos contaminantes das praias de Ameixenda, Lires e Estorde, e que se proceda ás inversións necesarias para o seu saneamento e recuperación completa destes areais

O BNG SOLICITA ACTUACIÓN INMEDIATA NO SANEAMENTO DAS AUGAS FECAIS QUE CHEGAN AOS AREAIS CONTAMINADOS DE CEE

Dende o BNG de Cee cualificamos inasumible que praias coma a de Estorde ou Lires, areais dun atractivo turístico fundamental para Cee, teñan unha situación sanitaria non apta. Non pode ser que tanto Xunta como o goberno do Estado, recordando que Costas ten competencias sobre a liña litoral, permitan o incumprimento sistemático da Directiva de Augas, que obriga xa dende fai moitos anos ao saneamento integral das augas, tolerando que isto suceda sen que pase nada, a pesar de que as analíticas son continuas e se coñece ben o problema, cando a súa responsabilidade sería actuar de inmediato.

 Non se trata de episodios puntuais de contaminación,  o preocupante que denunciamos dende o BNG é que, sendo espazos de moi alto uso polos cidadáns e aos que se lle ten especial aprecio, vaia camiño de facerse un problema crónico, feito que ten consecuencias incluso para a economía local, nomeadamente a dependente do turismo, pois isto son as cousas que botan para atrás e espantan a potenciais turistas que poden chegar tódolos anos,  amais de supor un problema de saúde pública e ambiental.

Son moitos os anuncios e as promesas que se fan dende a Xunta ao respecto de que se vai sanear o conxunto de tódalas augas do litoral, o último feito polo presidente fai poucos días indicando que se destinarán 654 millóns de euros de aquí ao 2021, para sanear as augas, máis agardamos que non teñamos que esperar outros catro anos máis para que lugares como Estorde poidan recuperarse para un satisfactorio uso.

O BNG levará ao próximo Pleno unha proposta para que dende o Concello se aprobe solicitar que a Xunta trate con urxencia este problema, se inclúa como de atención preferente dentro do anuncio dos 645 millóns.

 Igualmente dirixirse  á Demarcación de Costas para a identificación e procedencia dos vertidos en cada un destes areais e coordinarse co resto de administración con responsabilidade en deseñar unha solución definitiva.

Dende o BNG valoramos que existe un problema de sempre coa situación da rede de saneamentos e sistemas de depuración dos núcleos de poboación  próximos a estes lugares. Trátase de redes incompletas de saneamento, falta de separación de fecais e pluviais, e plantas de EDAR ou ben de capacidade insuficiente, cun mal deseño, ou obsoletas, polo que propoñeremos tamén a execución dun estudo por parte dos técnicos do concello que informen e valoren os problemas mencionados, así como as posibles solucións.

En Cee, a 1 de xuño de 2017

Serxio Dominguez Louro

Portavoz do Bng de Cee

O BNG SOLICITA ACTUACIÓN INMEDIATA NO SANEAMENTO DAS AUGAS FECAIS QUE CHEGAN AOS AREAIS CONTAMINADOS DE CEE