O BNG RECLAMA MEDIDAS DE SEGURIDADE NO TRANSPORTE ESCOLAR

Desde o Bloque Nacionalista Galego solicitamos que o concello de Cee asuma as obras de ensanche das beirarrúas do colexio público Eugenio López, no menor tempo posible, dándolle a amplitude que a zona permita, para que a baixada e subida dos autobuses sexa coa seguridade necesaria.

O BNG RECLAMA MEDIDAS DE SEGURIDADE NO TRANSPORTE ESCOLAR

Neste momento Cee conta cunha poboación de 7539 habitantes, según os datos do Instituto Nacional de Estadística. Unha boa parte desa poboación vive no rural, polo que os desprazamentos a vila teñen que ser en vehículos.

No ámbito educativo, somos conscientes da realidade vivida nos últimos lustros, co peche progresivo das escolas unitarias, quedando tan só a de Brens e Pereiriña, polo que os nenos e nenas das demais parroquias acoden ao colexio público en transporte escolar,  todos eles entre os 3  e os 12 anos.

Algunhas das liñas de buses que fan o percorrido desde as diferentes parroquias fan o seu traxecto por estradas secundarias, estreitas e con numerosas curvas e pendentes. A maioría dos autobuses da compañía adxudicataria do servizo, non dispoñen do cinto de seguridade pertinente, polo que a maior parte dos días, os nenos e nenas van sen o sistema de retención axeitado. Cando é así, teñen que ir todos agarrados ao asento dianteiro. Tendo en conta que os  máis pequenos miden arredor de 1m-1,10m de estatura, teñen que ir sentados ao borde do asento, deixando como única defensa a forza dos seus brazos para non caer ou tropezar co asento dianteiro  en caso de freada.

Según datos da DXT en canto ao uso de cinto:  “Un menor sen ningún tipo de retención, multiplica por 5 as posibilidades de sufrir lesións mortais. 9 de cada 10 lesións infantís, graves o mortais, poderían  evitarse usando este tipo de dispositivo”.

O Real Decreto 443/2001, de 27 de abril, sobre o transporte escolar e de menores,  di no artigo 3… idade do vehículo. 1. Como norma xeral, só se poderán proporcionar os servizos incluídos no parágrafo a) do artigo 1 e, se é o caso, asignar ás autorizacións de transporte regular de uso especial, aqueles vehículos que non excedan, ao comezo do curso, a idade de dez anos, contados desde o seu primeiro rexistro. Non obstante, admitirase a adscrición de vehículos de antigüidade superior, sempre que se cumpran os seguintes requisitos: 1. Que o vehículo non exceda a idade de dezaseis anos, contados a partir do seu primeiro rexistro, ao inicio do curso.

Existe tamén unha directiva comunitaria que estabelece que desde outubro de 2007, todos os autobuses novos teñen que levar instalados cintos de seguridade.

Ademais, cando a compañía envía os buses novos e con sistemas de seguridade, en ocasión nos se cumpre o artigo 4. 2. 4 do Real Decreto que di "Nos casos nos que os cintos de seguridade sexan utilizados por nenos de entre cinco e once anos, deben ter tres puntos e haberá almofadas de diferentes alturas, segundo a súa idade e altura, que lles permitan axustar o cinto ás súas medidas. Cando non se cumpran estas condicións, os cintos non poden ser utilizados por nenos das idades indicadas "

Engadir tamén que logo da posta en marcha da nova lei de transporte público, na que se pode mesturar a alumnos e alumnas con usuarios e usuarias de transporte convencional, en ocasións hai nenos e nenas das ultimas paradas que fan o traxecto de pé por non ter asento libre, o que pon mais aínda en perigo a integridade dos e das menores.

 

 

Espazos de baixada e subida

O colexio público Eugenio López non dispuxo nunca, nin dispón agora, dunha parada dentro do recinto, polo que os nenos e nenas teñen que baixar xusto enfronte ao centro escolar, nunhas beirarrúas sumamente estreitas e que se colapsan a diario coa chegada tamén do alumnado da vila que non precisa transporte. A este respecto o Real Decreto 443/2001, de 27 de abril di o seguinte:

Cando non resulte posible que a parada correspondente ao centro escolar estea ubicada dentro do recinto deste, fixarase de modo que as condicións de acceso desde dita parada ao centro resulten o mais seguras posible, situándose a marxe dereita no sentido da marcha.

Consideramos pois que onde fala de “ o mais seguras posible”, e  a pesar da ambigüidade da frase, e onde o concello pode actuar ampliando as beirarrúas, xa que a pesar de que o espazo non dá para un ensanchamento acorde o que se debería, si existe unha illeta ao outro lado da estrada, que divide os dous carrís, e que podería desaparecer ou quedar reducida ao mínimo, co que se gañaría espazo para viandantes.

Polo exposto anteriormente, desde o Bloque Nacionalista Galego solicitamos que o concello de Cee asuma as obras de ensanche das beirarrúas do colexio público Eugenio López, no menor tempo posible, dándolle a amplitude que a zona permita, para que a baixada e subida dos autobuses sexa coa seguridade necesaria.

E para reclamar medidas de seguridade nos autobuses, pedimos que o pleno acorde instar a consellería de Educación a  que intermedie coa Empresa de Transporte adxudicataria, para conseguir que  haxa  SEMPRE no transporte escolar vehículos con sistemas  de seguridade axeitados e que non permita a sobre ocupación dos buses. Do mesmo xeito, que faga cumprir a compañía coa lei, no que ten a ver co uso de almofadas cando envíe os buses co cinto axeitado.