O BNG LEVA A PLENO, VÍA MOCIÓN, A SOLUCIÓN DOS PROBLEMAS ESTRUCTURAIS DO EDIFICIO DO XULGADO DE CORCUBIÓN

Apoiamos tamén  as reivindicacións laborais do persoal.

O BNG LEVA A PLENO, VÍA MOCIÓN, A SOLUCIÓN DOS PROBLEMAS ESTRUCTURAIS DO EDIFICIO DO XULGADO DE CORCUBIÓN

Os traballadores e as traballadoras da Administración de Xustiza de Galiza suman xa varias semanas de paro reclamando condicións salariais e laborais que non os discriminen, contra os recortes e en defensa dunha Administración de Xustiza áxil e moderna, e iniciaron o pasado 9 de febreiro unha folga indefinida. A convocatoria dunha medida tan extrema e o apoio masivo co que conta, hai que enmarcala no deterioro continuo dos servizos públicos, no empeoramento das condicións laborais, e nos continuos recortes de dereitos ao que levaron as políticas regresivas, reaccionarias e centralizadoras do PP no goberno do Estado e na Xunta de Galiza.

Os traballadores e traballadoras do sector da Xustiza en Galiza están sendo reiteradamente discriminadas na retribución do complemento transitorio con respecto ao resto do persoal do Estado, cunhas diferenzas salariais acumuladas no período 2013-2017 que poden variar entre os 4.000 e os 10.000 euros, dependendo do corpo ao que se pertenza.

Reclaman ademais a retirada do desconto que se lle aplica ao persoal da administración de xustiza en caso de IT, pero que non se aplica a xuíces e xuízas, fiscais ou letrados/as, así como a negociación do pagamento do 100% das substitucións, pois a diferenza do que pasa noutras autonomías, en Galiza o persoal que cubre un posto en substitución vertical non cobra a totalidade do posto que ocupa.

Solicitan igualmente que se negocie un plan recuperación das 106 prazas amortizadas en 2013 e que afectaron especialmente aos xulgados do contencioso, de paz, de familia e ás audiencias provinciais o que supuxo un incremento substancial da carga de traballo e atrasos, e as centrais sindicais piden a consolidación de prazas de reforzo de máis de tres anos de duración, comprometida pola Dirección Xeral de Xustiza.

O XULGADO DE CORCUBIÓN

Son varios os anos xa que levamos vendo nos medios de comunicación as queixas do persoal de xustiza do xulgado de Corcubión. Unhas instalacións que foron reformadas integramente no ano 2015, e que tan só pouco mais de doce anos despois se atopan nunha situación de deterioro grave e con severas deficiencias.

•          As humidades seguen estando presentes nas paredes e ao redor dos marcos das fiestras, a través das cales entra o vento e mailo frío. Estas humidades, a mais de provocar o desprendemento constante da pintura e pór en risco o material, constitúe tamén unha ameaza constante para a saúde do persoal laboral.

•          As roturas das tubaxes dos pisos superiores seguen a repetirse periódicamente e en calquera momento se poden dar episodios como o de decembro do 2015, onde a auga estivo en contacto cos dispositivos electrónicos como videocámaras, ordenadores  e con enchufes e moreas de cables e regretas de corrente, co consabido perigo que iso supón de descargas e curtocircuítos eléctricos. As consecuencias dese episodio son perfectamente visíbeis no teito da oficina do Xulgado número 1 (no primeiro andar), onde a o falso teito está moi deteriorado e corre perigo de desprendemento.

•          "As conducións do aire acondicionado tamén son deficientes e producen pingueiras por mor da condensación ocasionada polo sistema de refrixeración do edificio".

•          Os condutos de calefacción están mal suxeitos as paredes e producen constantes vibracións que son perceptibles nas oficinas do xulgado.

 

Tras numerosas queixas e escritos presentados pola representación sindical dos traballadores e traballadoras, a Xunta de Galiza acometeu no verán do ano pasado o pintado  das salas de vistas dos dous  xulgados, consulta do forense e unha parede do corredor que conduce ao soto, e substituíu a bomba de calor do sistema de calefacción. Uns meses antes, a  finais do 2016, unha empresa  desratizou o edificio e limpou os falsos teitos, que estaban ateigados de excrementos de roedores, o que dá unha idea do insuficiente mantemento que se leva a cabo, xa que é esta unha tarefa que se debe dar cada certos meses, como en calquera estabelecemento de concorrencia pública, e que de estar ben espaciada no tempo non debería dar este tipo de problemas.

 

 A Dirección Xeral de Xustiza só acometeu actuacións superficiais (pintar as estancias anteriormente referenciadas) sen atallar os problemas estruturais de humidades e pingueiras.

En canto as fugas de auga, a Xunta descarga toda responsabilidade sobre o Concello, cousa moi cuestionábel pois a administración autonómica é titular de grande parte do soto, do baixo e do primeiro andar

            Por todo isto,  o BNG solicita do Pleno da Corporación municipal  que se amose o apoio aos traballadores e traballadoras da Administración de Xustiza nas súas reivindicacións de dereitos laborais e de emprego, que se ins á Xunta de Galiza a retomar as negociacións no marco do Consello Galego de Relacións Laborais cos representantes dos traballadores e traballadoras da Administración de Xustiza, e ademáis instar a Consellaría de Xustiza da Xunta de Galiza, a acometer os traballos e reformas  necesarias para dar solución aos problemas estruturais e de mantemento existentes no xulgado de Corcubión.