O BNG LEVA A PLENO UNHA MOCIÓN PARA O MANTEMENTO PENSIÓNS DIGNAS PARA OS GALEGOS E GALEGAS

O BNG LEVA A PLENO UNHA MOCIÓN PARA O MANTEMENTO PENSIÓNS DIGNAS PARA OS GALEGOS E GALEGAS

As dúbidas que se están a xerar arredor da viabilidade do sistema público de pensións son interesadas para favorecer precisamente os plans privados e seguir no camiño de recorte das pensións públicas. No Bloque Nacionalista Galego, asistimos con preocupación as novas propostas que está a facer o Goberno español, como a ampliación do cómputo de cálculo a toda a vida laboral, que afondan na mesma liña.

As reformas laborais promovidas, durante os anos 2010, 2011 e 2012, por gobernos do PSOE e PP, respectivamente, con diferentes niveis no seu contido e importancia, afondaron na liña neoliberal de individualización e desregulación das relacións laborais. Atrasouse a idade de xubilación aos 67 anos, ampliouse a 25 o número de anos para calcular a base reguladora, adiantouse a aplicación do factor de sostibilidade ao 1 de xaneiro de 2019, atrasouse a idade de acceso á xubilación anticipada, dificultouse o acceso ao subsidio de desemprego establecendo límites económicos de miseria para ter dereito ao mesmo e atrasouse a idade de acceso dos 52 aos 55. En definitiva, medidas todas orientadas a dificultar o acceso e reducir a contía das prestacións do sistema público de protección social, ao tempo que se fomenta a súa privatización.

Estas medidas son especialmente mesquiñas en Galiza. Primeiro porque temos as pensións máis baixas do Estado español, e unha maior porcentaxe de pensionistas en relación á súa poboación, as pensións son o único ingreso que entra en moitos fogares, son miles os que só teñen ingresos procedentes de prestacións das que as pensións son unha parte fundamental, e segundo porque se suma a outras medidas tamén tremendamente inxustas , como son o copago polos medicamentos,  polas residencias, a suba do ive, da auga, da luz, dos carburantes…Hoxe temos un empobrecimento maior d@s pensionistas, case o 60% das pensións galegas están por baixo do salario mínimo, a media está máis de 15-20 puntos por baixo da do Estado, sendo especialmente preocupante a situación das mulleres xa que 1 de cada 4  mulleres maiores de 65 anos está por baixo do umbral da pobreza.

O debate sobre a sostibilidade do sistema de pensións públicas ven de lonxe.Desde hai anos veñen prognosticando a súa creba e promovendo os sistemas privados xestionados polos bancos. A razón é moi sinxela, por un lado o interese de recortar a administración pública, por outro a de transferir ao sistema privado a xestión dun volume de capital formidábel derivado dos fondos de pensións públicos.

Desde o comezo da década dos 90, o debate internacional sobre a reforma dos sistemas de pensións estivo dominado polas teorías xurdidas na contorna do Banco Mundial, o Fondo Monetario Internacional e a OCDE, que defenden fortes recortes nos sistemas  públicos de pensións, acompañados da capitalización individual a través do sector privado.

O argumento central  é que o sistema de pensións é insostíbel. As razóns que presentan son que a esperanza de vida aumenta progresivamente ao mesmo tempo que hai menos cotizantes por causa da caída da poboación activa. A partir desta idea estenden a alarma social pregoando que a longo prazo non haberá diñeiro para pagar as pensións públicas.

O obxectivo é favorecer a privatización das pensións e permitir ao capital financeiro xestionar inxentes aforros a través dos fondos de pensións privados con destino aos mercados financeiros globais.

Estamos diante dunha decisión ideolóxica onde o poder  toma a decisión de atacar os dereitos dos sectores máis desfavorecidos, os que están a padecer con máis dureza a crise para potenciar os plans de pensións privados e drenar ainda máis cartos dos impostos de tod@s para os bancos.

O sistema de pensións público é un dos obxectivos da axenda neoliberal desde hai décadas. Estamos a falar dun calculado e continuado proceso de desmantelamento do dereito do traballo a prol da parte máis forte nas relacións laborais, a prol do capital.

Por todo Instamos á Xunta de Galiza a dirixirse ao Goberno español para que proceda a:

  • Derrogación das reformas laborais, á aprobación dunha nova lexislación laboral e social que restitúa os dereitos perdidos,
    • Recoñecendo o dereito á xubilación ordinaria aos 65 anos.
    • Estabelecer o cálculo da base reguladora polas bases de cotización dun período de quince anos da súa vida laboral a elixir pola traballadora ou traballador.
    • Estabelecer o cálculo da base reguladora polas bases de cotización dun período de 15 anos da súa vida laboral.
    • Estabelecer o importe da pensión mínima no equivalente ao  60% do salario medio.
    • Estabelecer a actualización anual en base ao IPC.
    • Eliminar as penalizacións e discriminacións no acceso á pensión das persoas empregadas a tempo parcial.
    • Reclamar para Galiza a xestión da Seguridade Social, como xa contempla o Estatuto de autonomía.
    • Demandar que as empresas, con centro de traballo en Galiza paguen os impostos e as cotización sociais aquí.

E  a incrementar a contía do “Fondo extraordinario, perceptores subsidios e pensións non contributivas”, de xeito que cada persoa prestataria de pensión non contributiva perciba un incremento de 100 euros mensuais na mesma.