O BNG en contra da suba nas cotizacións aos autónomos e pequenas empresas

O BNG en contra da suba nas cotizacións aos autónomos e pequenas empresas

O BNG presenta UN ESCRITO no Concello de Cee, para que os grupos do pleno poidan convertilo en moción, e pronununciarse así en contra desta medida.

A situación económica para moitas persoas autónomas e titulares de PEMES é crítica. Sobre todo, persisten as dificultades para obter liquidez para a maior parte das empresas galegas (microempresas e pequenas empresas) para poder continuar realizando a súa actividade.

Así, o Goberno vén de aprobar un considerábel incremento das cotizacións mínimas para as persoas autónomas que contan con 10 ou máis persoas empregadas no último ano, que representa unha suba do 22%, case 60 euros ao mes. A consecuencia directa desta medida será afondar no estrangulamento económico ás persoas autónomas e a emprendedoras. Ademais, o efecto indirecto será a destrución de emprego neste tipo de unidades económicas ao forzar a que sociedades deste tipo contraten menos de 10 persoas.

Por outra banda, tamén se produce un incremento da base mínima para persoas autónomas, que é a cotización maioritaria en Galiza, que provocará un incremento de máis de 60 euros ao ano para as mesmas.

Estas medidas aplícanse sen ningún tipo de diálogo co sector, como critican as principais asociacións de persoas autónomas galegas e do Estado.

Esta suba das cotizacións dificultará, aínda mais, a recuperación económica para persoas autónomas e pequenas empresas, mesmo contribuindo a unha maior desaparición delas. Non ten sentido que se incrementen os impostos aos autónomos, mentres se aumentan as axudas a grandes empresas, ao mesmo tempo que se manteñen sobre elas enormes vantaxes fiscais que impiden ao Estado manter políticas económicas anticíclicas.

O mecanismo máis eficaz para a sustentabilidade da Seguridade Social pasa por unha reforma fiscal e políticas activas de emprego que reduzan a enorme taxa de paro, por asegurar o mantemento o nivel salarial de todos e todas as traballadoras, e non por incrementar as cotizacións aos segmentos máis vulnerábeis do tecido empresarial nun momento que atravesan serias dificultades económicas.

Dende o Bng de Cee, demandamos do Goberno do Estado un posicionamento contrario a calquera suba nas cotizacións para persoas autónomas e pequenas empresas, así como aprobar as reformas lexislativas necesarias de cara a promover unha reforma fiscal verdadeiramente progresiva, que grave ás grandes fortunas e grandes empresas, persiga a fraude fiscal e non incremente as cargas sobre as persoas autónomas e pequenas empresas.

Ademais, pór en práctica políticas activas de emprego en Galiza, como mellor mecanismo para garantir a sustentabilidade da Seguridade Social, con especial incidencia nas políticas sobre a mocidade e as mulleres, os segmentos máis vulnerábeis para a obtención de emprego.

Cee, a 25 de Xaneiro de 2013

Dionisia Mancha Rey