O BNG DE CEE SOLICITA O CUMPRIMENTO DA LEXISLACIÓN EN MATERIA LABORAL NA PISCINA MUNICIPAL

O BNG DE CEE SOLICITA O CUMPRIMENTO DA LEXISLACIÓN EN MATERIA LABORAL NA PISCINA MUNICIPAL

En febreiro de 2014 a empresa concesionaria das instalacións da piscina municipal foi adquirida por outra empresa. A raiz desta compra, houbo un cambio de xerencia na mesma, o que provocou cambios tamén no cadro do persoal da piscina, coa contratación dun director para a instalación, e afectou tamén as condicións laborais dos traballadores xa contratados.

A empresa utilizou os traballadores con contratos na piscina municipal de Cee para realizar traballos noutras concesións (Outes, Sta. Comba, Malpica, …) desatendendo as instalacións de Cee, e agora pretenden xustificar reducións de xornada a través de subrogacións cando estos traballadores teñen preferencia o traballo a xornada completa, tal como sinala o prego de condicións que serviu de base para a concesión municipal do servizo.

Con estos feitos, ademais de incumprir a lexislación en materia laboral,estase a vulnerar tamén o prego de condicións do contrato de xestión por concesión do servizo da piscina cuberta municipal e outras actividades deportivas que ten con este Concello.

Algúns dos incumprimentos do prego de condicións co Concello, ademais do citados en materia laboral son:

• Para os criterios de adxudicación prímase o plan de recursos humanos na que a empresa compromete un cadro de persoal que non está a respetar entre eles o técnico de mantemento (actual delegado de persoal) que o prego estabelece que sexa xornada completa, aproveitando unha subrogación encuberta. Isto provoca unha merma na calidade do servizo que poden ocasionar problemas sanitarios, por ser a única persoa responsábel do control da calidade ambiental e das augas.

• Coa redución desta xornada non se están a realizar correctamente as medicións ou simplesmente non se fan, e se falsean os datos de medicións da piscina que se envian a Sanidade.

• No cadro proposto pola empresa nunca se chegou a contratar dúas xornadas parciais en educación infantil coa consecuente merma na calidade do servizo e engano aos usuarios veciños e veciñas deste concello.

• A respeito do persoal do servizo a empresa adxudicataria ten a obriga de comunicar o cadro de persoal e as modificacións que se produzan ao Concello de Cee.

Estamos a falar pois dunha Instalación Municipal que ademais de prestar un servizo necesario para a comunidade, proporciona unha evidente rendabilidade económica polo movemento que xenera. O Concello pode ter acceso a través da comisión de seguimento, polo que non se pode permitir a empresa o incumprimento da legalidade en tantas materias e que a única preocupación sexa o rendemento económico. O prego no seu articulado estabelece que o Concello é quen de velar polo cumprimento da legalidade outorgándolle a potestade de sancionar e mesmo de recuperar a concesión.

O Bng de Cee solicitamos do Pleno da Corporación municipal a adopción do segiuinte ACORDO:

1. Instar á Alcaldía a obrigar a empresa a cumprir o convenio colectivo e acatar as resolucións da inspección de traballo sen ningún tipo de represalia laboral.

2. Reposición dos traballadores nas condicións estabelecidas nos seus contratos como se recolle no prego e recoñecer as condicións máis beneficiosas como estabelece o convenio colectivo dende o inicio da relación laboral.

3. Facer cumprir a empresa a normativa en materia sanitaria e prevención de riscos laborais.

4. Pór, si non fose o caso, a funcionar a comisión de seguimento.

5. Instar á Alcaldía a requerir a empresa o cese na súa conducta de incumprimento da lexislación vixente. De non facelo, a marxe das sancións que legalmente corresponda estabelecer, recuperar a concesión das instalacións da piscina municipal nos termos recollidos no prego de condicións.

Cee, 26 de Decembro de 2014.

Serxio Domínguez Louro