O BNG DE CEE PRESENTOU UNHA MOCIÓN EN APOIO A CARTA EUROPEA DAS LINGUAS.

O BNG DE CEE PRESENTOU UNHA MOCIÓN EN APOIO A CARTA EUROPEA DAS LINGUAS.

. Non irá ao vindeiro pleno, pola negativa de Ciudadanos, Pp e Psoe, que piden estudala.

O pasado 15 de febreiro diversas forzas políticas con representación municipal e parlamentar mostraron o seu apoio a unha moción proposta pola Mesa pola Normalización lingüística en apoio á “Carta Europea das Linguas”. O Bng, como asinante, e cumprindo co acordado na reunión, presentou a moción no concello de Cée, unha iniciativa que propón os acordos seguintes:

Instar á Xunta de Galiza a:

– Cumprir con todas as recomendacións do Consello de Ministros e do Comité de Expertos do Consello de Europa, e exixir do Estado español a aplicación real dos seus compromisos en relación coa Carta, tal e como indica o Comité de Ministros.

– Dar os pasos necesarios para cumprir co sinalado na alínea 640 do informe que afirma que o decreto 79/2010 de plurilingüísmo contradí o estabelecido na Carta, e o punto 5º da resolución do Consello de Ministros, onde sinala que a introdución dunha terceira lingua no ensino non pode afectar negativamente á propia.

– Elaborar de maneira ampla e consensuada un novo decreto para o uso do galego no ensino, que atenda aos principios de normalización lingüística, e acorde co sinalado na Carta Europea.

– Que mentres non se elabora o novo decreto, modifique o actual derrogando os artigos que poñen límites ao uso do galego nas aulas, como as porcentaxes máximas de materias a impartir en galego nos centros e a prohibición de impartir na nosa lingua as materias científico-técnicas ou matemáticas.

-Garantir unha oferta ampla de liñas de ensino infantil en galego en todas as vilas e cidades.

O pasado xoves, estaba convocada unha comisión informativa de cultura para tratar o ditame que se lle daba a dita moción, para logo, como é habitual, levala ao vindeiro pleno.

Na comisión, a petición do concelleiro de Ciudadanos e co apoio do Pp e Psoe, a iniciativa aparcábase para dar pé a formar unha mesa de traballo, co fin de analisar se as resolucións antes citadas eran ou non preceptivas, xa que según eles, poden non selo.

Dende O Bng de Cée lamentamos que os grupos políticos asinantes da Declaración de Unidade a prol da Normalización da lingua Galega (PP e PSOE), poñan a nível local dúbidas do xa asinado polo conxunto da súa organización, ou que se vaia a examinar o 4º Informe de avaliación do cumprimento da Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias, elaborado polo Comité internacional de expertos e as recomendacións do Comité de Ministros do Consello de Europa ao Estado español, onde se sinalan os aspectos que cómpre corrixir para o cumprimento efectivo das garantías que o Estado español e a propia Xunta de Galiza se comprometeron a cumprir ao ratificar a Carta en 2001.

Cómpre lembrar que a Carta Europea das Linguas é un tratado internacional e como tal é lexislación superior do Estado e polo tanto de obrigado cumprimento. O seu cumprimento é avaliado por un comité internacional que elabora o informe no que se basean as recomendacións posteriores do Comité de Ministros, formado polos Ministros de Exteriores de cada un dos Estados membros do Consello de Europa.

O 3º e 4º informe do Comité internacional de expertos foron especialmente críticos co actual goberno da Xunta e do Estado en relación ao galego, tal e como se explica na moción, indicando que mal chamado Decreto 79/2010 de plurilingüísmo da Xunta, atenta contra o sinalado no Tratado internacional, merecendo un chamado do Comité de Ministros a que a introdución dunha terceira lingua no ensino non sexa en detrimento da propia.

A moción conxunta a favor do galego e da Carta Europea das linguas, impulsada pola Mesa pola Normalización Lingüística foi presentada publicamente o pasado 15 de febreiro no Parlamento galego coa participación, entre outras forzas políticas, do PSOE e o BNG, e xa foi aprobada polos plenos dos Concellos de Santiago, A Coruña e Narón entre outros, cos votos de todos os partidos agás o PP.

Cée, 23 de febreiro de 2016

Serxio Domínguez Louro