O BNG DE CEE LEVARÁ AO SEGUINTE PLENO DÚAS MOCIÓNS SOBRE O DESMANTELAMENTO DO 065 E A ASISTENCIA SANITARIA NO EXTERIOR.

O BNG DE CEE LEVARÁ AO SEGUINTE PLENO DÚAS MOCIÓNS SOBRE O DESMANTELAMENTO DO 065 E A ASISTENCIA SANITARIA NO EXTERIOR.

Sra. Alcaldesa - Presidenta do Concello de Cee:

Serxio Domínguez Louro, concelleiro do BNG no Concello de Cee, eleva ao Pleno da Corporación, para o seu debate, a seguinte MOCIÓN CONTRA O DESMANTELAMENTO DO 065 DO SERVIZO GALEGO DE TRANSPORTE ADAPTADO

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

O Servizo Galego de Transporte Adaptado (065), que atende as persoas con discapacidade e dependentes, foi instaurado por iniciativa do BNG no goberno bipartito da Xunta de Galiza e constituíu o primeiro transporte adaptado público de todo o Estado español.

A partir do acceso do PP ao goberno da Xunta de Galiza, este servizo básico, bautizado como Servizo Galego de Apoio á Mobilidade Persoal (065) comezou a sufrir un deterioro constante que ten a súa culminación na decisión da Xunta de deixar de prestar o servizo para o traslado diario ou semanal das persoas dependentes aos centros onde van ser atendidas nas súas terapias.

Este feito, xustificado polo PP con base nunha pretendida racionalización e eficacia, tradúcese simplemente no desmantelamento do servizo do 065, para non atender o desprazamento regular de persoas dependentes nin para garantir a mobilidade das persoas con maiores dificultades. En cambio, non teñen reparo en crear para o Consorcio de Benestar un transporte propio para as persoas usuarias dos seus centros.

Isto é outro paso na eliminación dos programas e servizos de dependencia e benestar que sufrirán novamente as persoas máis débiles, neste caso as que teñen maiores dificultades para se trasladaren e poder recibir atención como consecuencia do seu estado.

Ademais, a decisión do goberno do PP vai provocar unha perda importante de postos de traballo. De feito, o novo concurso para contratar o servizo na comarca de Ferrolterra, en Verín, O Barco de Valdeorras, Vigo e Pontevedra, ficou deserto, o que provoca a suspensión a partir do 8 de marzo de 2014, un proceso que afecta, por exemplo, a 14 traballadoras e traballadores, no caso de Ferrolterra.

Por este motivo o grupo municipal do BNG solicita do Pleno da Corporación Municipal á adopción do seguinte

ACORDO

Instar á Xunta de Galiza a:

1. Paralizar o desmantelamento do Servizo do transporte adaptado do 065.

2. Garantir o desprazamento regular das persoas dependentes e a mobilidade das persoas con maiores dificultades.

Cee, 10 de Abril de 2014

Sra. Alcaldesa - Presidenta do Concello de Cee:

Serxio Domínguez Louro, concelleiro do BNG no Concello de Cee, eleva ao Pleno da Corporación para o seu debate a seguinte MOCIÓN PARA GARANTIR A ASISTENCIA SANITARIA AOS GALEGOS E GALEGAS QUE SAIAN FÓRA DO ESTADO POR MÁIS DE 90 DÍAS

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

O goberno do PP no Estado está a acometer unha vaga de recortes en dereitos e conquistas sociais sen precedentes. Entre elas, por medio do Real Decreto-Lei 16/2012, eliminou o dereito á atención sanitaria universal, ficando reservado só para quen teña a residencia no Estado español e con iso negándollo a todas as persoas que se trasladan ao estranxeiro, que neste momento son moitas por motivos laborais debido tamén ás nefastas políticas económicas do PP que están a devastar os nosos sectores produtivos e a aniquilar a capacidade de xerar emprego en Galiza. Así, a asitencia sanitaria universal fica recoñecida só para quen resida no Estado, polo que se lle nega dito dereito a todas as persoas se permanecen fóra do Estado español máis de 90 días nun ano natural, mesmo sexan desempregos/as de longa duración, ás que teñan esgotado a prestación ou o subsidio por desemprego.

A política do PP no Estado e na Xunta obriga a mozos e mozas, que padeceron xa o ano pasado máis do 50% de desemprego, a saír do Estado español para atopar traballo; e preto de 93.000 fogares ten todos os seus membros sen emprego. Agora un novo recorte de dereitos afecta especialmente a Galiza, aos miles de galegos e galegas que se ven obrigados a emigrar: ás persoas desempregadas, especialmente mozos e mozas, que se verán desposuídas do dereito a asistencia sanitaria por obra dos gobernos do PP.

Unha decisión adoptada polo goberno do PP no Estado, de xeito unilateral e sen contar co goberno da Xunta de Galiza, quen semella aceptar calquera medida imposta desde Madrid sen importarlle o carácter lesivo aos dereitos de galegos e galegas.

Por iso, o grupo municipal do BNG, solicita do Pleno da corporación municipal a adopción do seguinte

ACORDO

1. Rexeitar a exclusión da atención sanitaria pública gratuita, pola eliminación do dereito á asistencia sanitaria, das persoas que permanezan máis de 90 días fóra do Estado nun ano natural ou non residentes no Estado español, adoptada polo Goberno do Estado no Real Decreto-Lei 16/2012.

2. Instar á Xunta de Galiza a que demande do goberno do Estado a derrogación desta medida e traslade o seu rexeitamento.

3. Instar a Xunta de Galiza a que mentres non se proceder a derrogar o real decreto-lei asuma e garanta a atención sanitaria dos galegos e galegas que saian fóra do Estado español por un periodo superior aos 90 días, conservando a tarxeta sanitaria en vigor.

Cee , a 10 de Abril de 2014