O BNG DE CEE LEVARÁ AO PLENO DE MAIO DÚAS MOCIÓNS

O BNG DE CEE LEVARÁ AO PLENO DE MAIO DÚAS MOCIÓNS

O BNG DE CEE LEVARÁ AO PLENO DE MAIO DÚAS MOCIÓNS, PARA A REVISIÓN DA FACTURACIÓN DO CONSUMO ELÉCTRICO MUNICIPAL E PARA A GRATUIDADE DOS LIBROS DE TEXTO

Existen numerosas reclamacións de numerosos concellos galegos pola facturación indebida da electricidade, polo que estes cobros indebidos se están a producir de forma xeneralizada en todo o país. Nalgúns casos a distribuidora eléctrica aplicou a tarifa diúrna cando as institucións locais contrataran a nocturna para o alumeado público, había facturas duplicadas, multiplicacións mal feitas, ausencia de contadores, cobros de tramos equivocados e moitos máis erros que o persoal técnico especializado detectou e que afecta gravemente as precarias economías locais. E o máis grave, mesmo se lles facturaban aos concellos por conceptos contrarios á lexislación eléctrica. Máis que de erros puntuais, estamos a falar dunha estafa claramente organizada polas distribuidoras eléctricas.

Ante estas reclamacións, algunhas empresas subministradoras de enerxía pretenden devolver só a facturación cobrada indebidamente no último ano, xa que consideran os cobros indebidos como erros de lectura ou despistes administrativo, cando é evidente a estafa, pois chegaron a cobrar por conceptos contrarios á lexislación.

Diferentes gobernos municipais de de todo o país, como por exemplo o de Pontevedra, están demandando que a compañía devolva os cartos que cobrou a maiores desde o ano 2009

Deste xeito pediremos ao pleno do concello de Cee : Iniciar unha revisión de todas as facturas emitidas pola empresa de distribución de enerxía eléctrica ao concello para detectar posíbeis erros e cobros indebidos. Realizar un estudo para avaliar as condicións da subministración eléctrica e, de ser o caso, promover un concurso público para conseguir a mellor oferta de subministración. Interpor as reclamacións oportunas contra a empresa, no caso de se detectaren facturacións indebidas. Instar á Xunta de Galiza a que tome todas as medidas necesarias para que asesore e ampare aos concellos nas súas lexítimas reclamacións, e que aplique o convenio asinado coa Fegamp para amparar os concellos que tiveren que reclamar e instala a que adopte un papel activo na defensa dos concellos, e abra os correspondentes expedientes ás distribuidoras eléctricas polos casos de cobro indebido aos concellos.

Libros de texto

O vindeiro curso 2014/2015, a LOMCE entrará en vigor en 1º, 3º e 5º de Primaria e 1º de Formación Profesional Básica, o que obrigará o estudantado destes niveis a adquirir manuais adaptados aos novos decretos de ensinanzas mínimas. Isto, unido ao recorte do 40% do programa de financiamento de libros de texto e material escolar no ensino obrigatorio respecto ao ano anterior, pode provocar que unha parte do alumnado non poida acceder aos manuais necesarios para seguir as clases con normalidade.

A CONFEDERACION ANPAS GALEGAS defende que non é un problema de prioridades das familias, como afirma o ministro de Educación cando se cuestionan os recortes nas axudas sociais á educación. É un problema de dereitos e, por tanto, é o titular de Educación quen debe ter como prioridade garantir ese dereito.

O dereito fundamental á educación exixe que se dean conxuntamente determinadas condicións cuxa garantía de cumprimento corresponde aos poderes públicos. Ademais, para que todo isto sirva á súa finalidade, hai que situar o alumnado nunha posición real de igualdade no acceso e mantemento do seu dereito á educación.

Entendemos que o carácter gratuíto do ensino nos niveis educativos obrigatorios constitúe un instrumento dirixido a garantir o acceso de todos a tales estudos, e considera por iso que o devandito carácter gratuíto debería facerse extensivo aos libros de texto ou material didáctico utilizados para cursar os referidos niveis, o que exixe medidas que fagan posibel o acceso de alumnos e alumnas a estes sen ningún custo.

Por tanto pedimos ao pleno do Concello que exixa a Xunta de Galiza:

1. A volta ao sistema de préstamo universal.

2. Que se avance na gratuidade total de todos os medios que se utilicen no ensino público.

3. Que se doten os centros de persoal abondo para xestionar axeitadamente o sistema de préstamo.

4. Que non se cambien os libros de texto para o vindeiro curso escolar naqueles cursos en que se vai implantar a LOMCE

Cee, a 18 de Maio de 2014

Serxio Domínguez Louro