O BNG DE CÉE LEVA A PLENO UNHA MOCIÓN PARA ADICAR O MES DE FEBREIRO A ROSALÍA DE CASTRO

O BNG DE CÉE LEVA A PLENO UNHA MOCIÓN PARA ADICAR O MES DE FEBREIRO A ROSALÍA DE CASTRO

O 24 de febreiro de 2016 cúmprense 179 anos do nacemento de Rosalía de Castro. Rosalía é non só a escritora máis representativa da lingua e da literatura galegas senón a que marcou o camiño a seguir ao iniciar o proceso de recuperación de usos do galego co obxectivo de lle devolver a dignidade de que fora desposuído. A publicación do seu libro Cantares Gallegos, o primeiro escrito integramente no noso idioma, sinala o inicio da restauración do uso escrito do noso idioma e o final de séculos de silencio e esquecemento.

Nuns tempos en que os datos obxectivos indican un alarmante descenso no uso do galego, a difusión do coñecemento da súa obra é necesaria para as galegas e os galegos, en especial para as xeracións máis novas, pois nos seus textos achamos procedementos e argumentos para fomentar a utilización da nosa lingua, achegarse á nosa idiosincrasia e comprender a nosa identidade cultural. Cómpre, pois, aproveitar a reivindicación desta data para estendela a un mes de febreiro de firme e inequívoco compromiso co idioma.

Por todo isto, e seguindo as directrices dunha convocatoria xa consolidada pola Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega /AELG), propoñemos ao Pleno Municipal os seguintes acordos:

• Emprender e apoiar a realización de actividades de promoción da obra da nosa escritora que impliquen a veciñanza do noso concello ao longo do mes de febreiro. Entre estas actividades, poden estar as seguintes accións:

? Pendurar nos balcóns das casas e das institucións bandeiras galegas

? Realizar lecturas públicas da obra rosaliana en lugares destacados do concello en que o alumnado dos centros escolares e persoas destacadas pola súa actividade cultural teñan o papel protagonista.

? Desenvolver unha serie de actividades para promover o coñecemento de actualizacións da obra rosaliana a través da música, o teatro, a literatura ou a danza, así como seminarios, mesas redondas e/ou conferencias sobre a súa obra e figura.

• Apoiar todas as iniciativas mobilizacións que se desenvolvan ao longo do mes de febreiro para reivindicar o futuro do noso idioma e a activación de medidas a prol do seu uso en todos os ámbitos.

• Solicitar da Xunta de Galiza unha mudanza na política lingüística desenvolvida até o momento, retomar o consenso e promover, nun prazo máximo de seis meses, mudanzas lexislativas substanciais guiadas pola activación de políticas lingüísticas a prol do galego.

Cee, 28 de xaneiro 2016

Serxio Domínguez Louro