O BNG DE CEE LEVA AO PLENO DO MÉRCORES UNHA MOCIÓN NA DEFENSA DA VENDA DIRECTA NAS PRAZAS

O BNG DE CEE LEVA AO PLENO DO MÉRCORES UNHA MOCIÓN NA DEFENSA DA VENDA DIRECTA NAS PRAZAS

O pasado mes de setembro publicouse o Decreto 125/2014, do 4 de setembro, polo que se regula a venda directa dos produtos primarios desde as explotacións á persoa consumidora final. Este decreto entende por venda directa a que se realiza na casa, en mercados e feiras e en tendas minoristas, que vendan directamente ao consumo final, agás os ovos, e estabelece unha serie de requisitos para poderen realizar esa venda.

Desde o BNG sempre defendemos que se prestixien os nosos produtos primarios como de calidade e que cumpren coas garantías de salubridade. Igualmente xulgamos que se debe facilitar desde os poderes públicos a súa comercialización en circuítos curtos e de proximidade para garantirlles o máximo beneficio aos e ás produtoras e que a actividade agrícola, a súa transformación e comercialización sexa un elemento de produción de alimentos, de creación de emprego e de dinamización económica.

Porén, este decreto, sen outras medidas que acompañen o desenvolvemento da venda de proximidade e o apoio aos e ás produtoras non vai ter ese efecto dinamizador. De feito, é evidente que non ten como obxectivo relanzar feiras e mercados nin serve para incorporar novas persoas a esta actividade. O articulado do decreto non garante a produción nin fomenta a dedicación de persoas a este tipo de actividade.

Por iso, o BNG considera imprescindíbel desenvolver iniciativas que incidan no apoio á comercialización de proximidade (feiras, mercados periódicos de alimentos producidos no contorno tanto en cidades como vilas, degustacións, etc), ás de venda na propia explotación ou on line, e que teñan como obxectivo a promoción deste tipo de comercialización. Débese abrir un diálogo constante co sector coa participación de sindicatos, organizacións agrarias, asociacións de produtores/as, produción ecolóxica, para impulsar medidas que partan do consenso e que realmente dinamicen un sector vital para a economía galega. A mais, hai que garantir as mellores condicións de traballo para as persoas produtoras e conseguir unha produción respectuosa co ambiente e a saúde. Entre estas cuestións, están introducir alimentos producidos nas explotación galegas nos menús dos centros públicos (escolares, hospitais, etc), facilitar base territorial ás persoas que a demandaren para a produción de alimentos e estabelecer medidas de cotas á seguridade social reducidas e adaptadas a este tipo de actividade produtiva, e o mesmo en relación coa súa fiscalidade.

Ademais, o Bng quere solicitar do Goberno Galego que impulse unha marca de calidade que ampare e identifique os produtos da horta galega, que acadaren os requirimentos de calidade definidos en consenso co sector.

Cee, 27 de outubro de 2014.

Serxio Domínguez Louro