25 DE NOVEMBRO DE 2013, DÍA DA NON VIOLENCIA CONTRA AS MULLERES

25 DE NOVEMBRO DE 2013, DÍA DA NON VIOLENCIA CONTRA AS MULLERES

Dionisia Mancha Rey, responsábel local do BNG de Cee, presentará un escrito no concello para que calquera dos grupos con representación o convirta en moción diante do pleno.

As mulleres temos dereito a vivir sen violencia e é responsabilidade de tod@s traballar cada día para desmontar as estruturas sociais, culturais, económicas e políticas que sustentan un sistema que xera profundas desigualdades entre as persoas e en que as mulleres son as máis prexudicadas.

No BNG traballamos para construír unha sociedade que non mire para outro lado cando se producen situacións de violencia, que denuncie as agresións e os comportamentos machistas que alimentan esas violencias, en que ningunha muller teña que disimular ou agochar as agresións por temor a ser dobremente agredida, unha sociedade en que as mulleres sexan libres de escolleren como queren vivir, que non permaneza indiferente ás diferentes violencias e á peor das consecuencias que estas teñen: o asasinato.

O Partido Popular desde a súa chegada ao goberno da Xunta reduciu os recursos públicos en materia de igualdade, prevención e atención ás mulleres que sofren violencia machista provocando o aumento das desigualdades e impedindo, en moitos casos, a posibilidade de denunciar os agresores e de abandonar a situación de violencia por parte das mulleres que teñen menos recursos.

A Lei galega para a prevención e tratamento integral da violencia de xénero plasma medidas dirixidas a coordinar e planificar os recursos económicos, de inserción laboral e acceso a vivenda mais as leis carecen de utilidade se non se dedican recursos públicos para implementar as medidas necesarias para a súa aplicación. A situación económica actual fai que sexa necesario incrementar os esforzos e as políticas de axudas como o “salario da liberdade”, axudas periódicas que recollan os baremos de convocatorias anteriores, integrar a “atención psicolóxica” como un servizo de atención primaria, rexistrar no ámbito sanitario os casos de violencia de xénero, impulsar medidas para a formación e o emprego e garantir a atención xurídica e especializada en materia de violencia de xénero.

Dionisia Mancha Rey

Responsábel Local do BNG de Cee

Cee, 21 a de NOVEMBRO de 2013

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

Vivir sen violencia é un dereito. A violencia machista conculca os dereitos e pon en perigo a vida de moitas mulleres galegas, é a manifestación máis terríbel da desigualdade entre homes e mulleres que persiste na nosa sociedade. A obriga das administracións públicas é poñer os medios para erradicar a violencia de xénero e protexer as vítimas.

Na Galiza, desde 2009 redúcense cada ano as denuncias en números absolutos de 6.068 en 2009, a 5.153 en 2011, a 4.788 en 2012. Así, a porcentaxe de denuncias presentadas por cada 10.000 mulleres en Galiza sitúase no 33.29%, a segunda cifra máis baixa do Estado español, só superada por Castela-León co 32.16%, sen que esta redución se poida achacar a unha redución da incidencia da violencia machista na sociedade galega mais ao contrario, ten a súa orixe nas dificultades económicas que sofren con maior incidencia as mulleres.

O acompañamento das mulleres para accederen aos recursos e nos procesos xudiciais é garantía de seguridade para elas e pode evitar que o medo, a presión, as faga volver co maltratador. O persoal especializado e o voluntariado que realizan estas funcións vese tamén afectado polos recortes das axudas aos concellos e outras entidades.

Continúan sen se desenvolver medidas previstas na Lei 11/2007, relativas á implicación do SERGAS na detección, prevención e asistencia ás vítimas de violencia de xénero. Non se realiza na rede pública a atención psicolóxica de mulleres e crianzas afectadas, unha atención fundamental para construír a autonomía persoal e iniciar unha nova vida.

A pesar dos esforzos realizados nos últimos anos, malia o desenvolvemento lexislativo, estamos a ver como o medre do paro e o desmantelamento dos servizos públicos está empobrecendo de xeito especial ás mulleres e afectando gravemente á nosa vulnerabilidade ante a violencia machista.

A dependencia económica é o maior dos obstáculos para as vítimas de violencia de xénero racharen coa relación que pon en perigo as súas vidas. Estamos a vivir recortes en programas e recursos imprescindíbeis para apoiar as mulleres que deciden dar o paso. No momento en que todas as asociacións de mulleres alertan con diferentes informes que “a crise supón un freo para denunciar, polo temor a non encontrar emprego e verse sen recursos para saíren adiante” sorprende que o goberno galego non analice as necesidades das mulleres que sofren violencia de xénero neste momento concreto e non aplique con dilixencia as leis vixentes.

Moitos concellos foron pioneiros no desenvolvemento de medidas contra a violencia de xénero. Nestes momentos de dificultades orzamentarias débense manter e mellorar as actuacións contra a violencia de xénero e de protección ás vítimas. Débese tamén reclamar doutras instancias competentes, o cumprimento das obrigas, da garantía do dereito das mulleres a viviren sen violencia.

Por todo isto, propoñémoslle ao Pleno da Corporación municipal a adopción do seguinte

ACORDO

1- A Corporación municipal asume o compromiso de manter e mellorar os recursos municipais de información, acompañamento e asistencia a vítimas de violencia de xénero.

2- A Corporación municipal insta ao Goberno galego a facer efectiva a Lei galega para a prevención e o tratamento da violencia de xénero e deste modo :

- Mellorar as axudas periódicas de apoio a mulleres que sofren violencia de xénero, para o que cómpre estabelecer uns baremos de renda idénticos aos que se recollían nas convocatorias anteriores a 2011, eliminar a incompatibilidade do cobro desta axuda no caso de se beneficiar con anterioridade das medidas recollidas no artigo e garantir que o prazo de presentación de solicitudes desta axuda está aberto durante todo o ano, fixar un prazo máximo de 30 días para a resolución e pago efectivo das axudas desde o momento da súa solicitude. Dada a situación de crise económica que viven as mulleres galegas, é preciso, asemade, ampliar a duración das axudas a 18 meses prorrogábeis até 24 meses segundo a situación da vítima.

- Presentar perante o Parlamento un estudo e valoración desta axuda económica durante os sete anos da súa aplicación.

- Dar cumprimento ao contido do artigo 25 que recollece a necesidade de integrar a “Atención psicolóxica” como un servizo de atención primaria, en coordinación coa atención especializada nas áreas sanitarias.

- Implantar, tal como recolle o artigo 27 da lei, a través do departamento competente no ámbito sanitario un sistema de rexistro de casos de violencia de xénero.

- Dar cumprimento, de xeito prioritario, ao artigo 35 de “Medidas específicas no ámbito da formación e do emprego” garantindo que as mulleres que sofren violencia de xénero sexan colectivo preferente na totalidade da normativa autonómica relativa ao estabelecemento de axudas e subvencións ás empresas para a contratación de persoal e na empregabilidade en xeral.

- Garantir o cumprimento dunha “Atención xurídica” axeitada, permanente e especializada en materia de violencia de xénero. Garantirase que as persoas profesionais que presten estes servizos terán unha formación específica en materia de violencia contra as mulleres como requisito para o exercicio desta atención.

3- A Corporación municipal insta ao Goberno Galego a demandar de xeito efectivo do goberno do estado a creación dos xulgados específicos de Violencia de xénero nas cidades galegas que a día de hoxe aínda carecen deles.